Un 12% dos pacientes optarían pola consulta telefónica co médico

O Servizo Galego de Saúde puxo en marcha o pasado 13 de xuño un proxecto piloto de atención non presencial en atención primaria. Das 2.844 consultas realizadas durante o mes do piloto, atendéronse telefonicamente a un total de 345 pacientes, o que representa 12,13% das consultas (12,35% adultos e 10,43% pediátricos). Do total de atencións telefónicas, só o 2,57% foron derivados a consulta presencial.
O proxecto consistiu en ofrecer aos pacientes a posibilidade de consultar telefonicamente co seu profesional médico de familia, de enfermería ou de pediatría e a iniciativa realizouse en sete centros de saúde de todas as xerencias de atención primaria: A Covada na área da Coruña; Ares na de Ferrol; Baleira en Lugo; Cerdedo en Pontevedra; A Baña en Santiago; Salvaterra en Vigo; e Toén en Ourense.

Asi mesmo realizouse unha enquisa de valoración aos pacientes que foron atendidos mediante consulta non presencial, obtendo os seguintes resultados: o 93% dos atendidos consideraron boa o moi boa a súa experiencia, ao 95% pareceulle correcto o tempo utilizado en atendelo, e o 93% manifestou que lle quedaron claras as indicacións que lle dou o médico.

Tamén se fixeron reunións de avaliación e seguimento entre os profesionais que levaron a cabo este proxecto, obtendo unha valoración moi positiva cun elevado nivel de satisfacción da experiencia e, en xeral, consideraron como adecuado este sistema de atención.

Director de Asistencia Sanitaria, Félix Rubial, e a subdirectora xeral de Planificiación e Ordenación Asistencial, Mercedes Lanza_SERGAS

Os profesionais destacaron que permite axilizar as consultas de atención primaria, conservando a mesma capacidade de resposta na asistencia e diminúe as interrupcións da consulta por chamadas telefónicas non programadas dos pacientes. Así mesmo, salientaron que favorece a accesibilidade dos cidadáns á consulta dun proceso novo (problemas de saúde, xestión de receitas, informes, …); diminúe os tempos de espera; evita desprazamentos e esperas innecesarias; e favorece a conciliación familiar e laboral.

Por último, a todos os enquisados pareceulles necesario a extensión desta forma de consulta a toda a comunidade autónoma.

PRÓXIMAS ACTUACIÓNS

O obxectivo do Servizo Galego de Saúde para o último trimestre do ano é iniciar a extensión da atención non presencial da prestación a toda Galicia para medicina familiar e comunitaria, e no primeiro trimestre de 2014, a extensión a pediatría e enfermería en toda a comunidade.

Esta forma de consulta está en liña con varios dos obxectivos da Estratexia SERGAS 2014 e coa Estratexia Galega de Atención Integral a Cronicidade como promover a saúde a través de dispositivos asistenciais e plans específicos, aproveitar as novas tecnoloxías, garantir a prestación de servizos no lugar e momento axeitados cos niveis de calidade e seguridade comprometidos, ou facilitar aos pacientes unha atención integral no lugar axeitado, entre outras.

Funcionamento
A iniciativa posta en marcha polo Sergas consistiu en ofrecer a posibilidade de realizar a atención sanitaria por medio do teléfono a todos os pacientes no momento en que solicitaban unha consulta (xa fose por medio de chamada telefónica ou presencial).

Se o paciente aceptaba a oferta, o persoal administrativo citabao na axenda do médico adicándolle un espazo de tempo igual a unha consulta presencial e no tramo horario destinado a este tipo de actividade. Ademais informaba ao paciente da data e hora na que recibiría a chamada por parte do profesional médico, despois de verificar o número telefónico de contacto.

No desenvolvemento da consulta telefónica, entre o médico e o paciente, si se detectaba a necesidade de realizar consulta presencial así se lle comunicaba ao paciente e dábaselle cita para acudir ao centro. A actividade quedaba así mesmo rexistrada na historia clínica do paciente, de modo idéntico ao que se tería producido nunha consulta presencial.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar