Louzán agarda que a saída da Volta a España sexa tamén saída da crise

Louzán, pregoeiro da Festa do Mexillón de Vilagarcía.
Louzán, pregoeiro da Festa do Mexillón de Vilagarcía.

Rafael Louzán quixo dar hoxe un alento de esperanza aos veciños e veciñas de Vilanova ao asegurar que a saída da Volta a España desde unha batea no porto desta localidade marcará tamén o inicio para a saída da crise económica que atravesa o país.
O presidente da Deputación foi o encargado de realizar o pregón das Festas do Mexillón e do Berberecho en Vilanova de Arousa, onde incidiu en que este ano este concello e todo o Salnés están recibindo un número de visitantes como nunca antes se tiñan recibido, o que a xuízo do máximo responsable da Administración provincia, é un sinal de que España comeza a saír da difícil situación na que se atopa.
Louzán subliñou que hai tres indicadores claros de que se comeza a remontar como son as últimas cifras do paro, que malia seguir sendo preocupantes amosan certa recuperación; a baixada da prima de risco, e o incremento das exportacións, ao que hai que sumar o bo comportamento de dúas sectores clave en Galicia, como son o da automoción e o do turismo.
Este é precisamente un dos sectores que o presidente da Deputación está convencido de que se verá moi beneficiado coa organización de 4 etapas da Volta a España na provincia de Pontevedra.
Neste sentido, Louzán reiterou a relevancia que ten este feito para Vilanova de Arousa, que adquire así unha notoriedade como nunca antes tivera. O dirixente da Deputación incidiu en que a Volta sae “dunha vila pequena pero dunha nobre vila” que vai ser portada de xornais e informativos a nivel nacional e internacional.
O que conta é o que facemos
Nun pregón no que incidiu no carácter dos homes e mulleres de Vilanova, Louzán subliñou que “o mellor pregón de Vilanova de Arousa e dos seus produtos fixéstelo e facédelo cada día os homes e mulleres desta terra, desde Baión ata Vilanova, desde Tremoedo a Caleiro, de Deiro a András”.
Tras facer una loa dos dous produtos homenaxeados, o berberecho e o mexillón, salientou que o que realmente importa “non é o que temos, senón o que somos capaces de facer con iso”. Algo, dixo “que temos moi ben aprendido no Salnés”, referíndose ao desenvolvemento e posta en valor de produtos propios como o alvariño -“o mellor viño do mundo” que podía quedar “gardado nas nosas adegas, para o noso consumo interno” que “abrímolo ao mundo, pelexamos pola denominación de orixe e hoxe é o mellor embaixador xa non só desta comarca, senón de todas as Rías Baixas e de Galicia enteira”-, ou o propio mexillón, que enche a ría de Arousa de bateas e é o primeiro produto do mar en toda Europa que acada a Denominación de Orixe.
Louzán amosouse convencido de que foi un acerto ampliar a festa ata o 26, para que coincida coa saída da Volta “porque non sería xusto que os ciclistas que van iniciar a contrarreloxo en riba dunha batea non teñan ben á man o que se cultiva debaixo”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar