O Gaiás será unha «Cidade Imaxinaria» con xogos, circo e maxia

Cidade da Cultura

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria converterá o Gaiás nunha Cidade Imaxinaria na que gozar durante todo un día de espectáculos ao aire libre, xogos e obradoiros totalmente de balde. Será o vindeiro sábado 24 de agosto, cando un total de cen artistas de 20 compañías poñan en escena de 11:30 a 20:30 horas un total de dezanove espectáculos en diferentes pases para que poidan gozar grandes e pequenos.

Para facilitar o acceso ao Gaiás, a liña 9 do autobús urbano circulará durante todo o sábado 24 de agosto con dúas frecuencias. Desde as 8:30 ás 13:30 horas, a liña 9 realizará a ruta habitual (Casas Novas-Cidade da Cultura) a cada hora. A partir dese momento, porase en marcha un circuito especial para Cidade Imaxinaria que sairá da praza de Galicia e subirá ata o Gaiás cunha frecuencia media de 40 minutos.

UN AMPLO PROGRAMA

Xunto a zancudos, pallasos, equilibristas e malabaristas, nenos e non tan nenos adentraranse nun mundo de fantasía da man duns curiosos personaxes a bordo duns non menos singulares Velocíclopes, que recibirán aos visitantes e os conducirán ao corazón desta Cidade Imaxinaria.

Espectáculos de rúa como o Moulin Rouge e os seus personaxes saídos do mundo do cabaret, alternaranse coas acrobacias de O bo vén en frascos pequenos, mestura de habilidade sobre o trapecio e humor que encandilará a grandes e pequenos.

MAXÍA

A maxia será a gran protagonista da Cidade Imaxinaria deste 2013. Mans que cantan, ollos que voan e metais que flotan serán os protagonistas do Teatriño máxico, mentres que en Teatrino dei Piedi os pés de Verónica González converteranse nunhas auténticas marionetas de carne e óso. A maxia mestúrase con humor en Sin Sin Calcetín, onde o público tratará de axudarlle ao mago Fran Qué a ensinarlle ao seu amigo Luigi algún que outro truco.

Xunto aos espectáculos, Cidade Imaxinaria propón actividades nas que aprendizaxe e divertimento van da man tal e como comprobarán os nenos que se acheguen ata os fogóns da Cociniña Sabrosa, na que converterse nun auténtico chef e convidar a toda a familia a comer; ou os que elixan achegarse ao Pke Spa, onde descubrir o poder da aromaterapia e cromaterapia.

Os máis hábiles coas mans terán o seu oco no mundo de Balloon Comunication, onde crear todo tipo de personaxes con globos; poderán crear os sombreiros máis divertidos da man de Paul Henri Jeannel e o seu Chapeau Magique; ou convertirse nun fero animal ou nunha intrépida guerreira no Obradoiro de maquillaxe.

CINE E TEATRO PARA TODOS

Un ano máis, teatro e cine estarán presentes na praza exterior do Gaiás a través da caravana da Señorita Lupierre, no que os espectadores poderán descubrir a máis fermosa historia xamais contada. Xunto a eles, un pequeno carromato no que tres cómicos mesturarán medo, humor e tradición popular nos Contos para escagarriñarse; e o teatro sobre rodas de Sie7e, no que utensilios da vida cotiá cobran vida.

A esta Cidade Imaxinaria chega tamén a sala de cine máis pequena do mundo: Puck Cinema, na que curiosos espectadores deberán escoller a película do día.

As propostas de Cidade Imaxinaria complétanse con xogos de habilidade pensados para todas as idades. Deste xeito, tras resolver os máis de cincuenta xogos ópticos, de habilidade e enxeño que propón Colors de Monstre, os asistentes poderán perderse no Garabato de Xogos, demostrar quen é o máis forzudo do grupo no High Striker ou o máis rápido do lugar tras participar en Ordeña a vaca.

Para poder pasar o día en familia no alto do Gaiás, a Cantina da Cidade da Cultura ofrecerá á hora do xantar un coidado “buffet can can” co que poder repoñer forzas, ademais do posto de bocadillos, canciños quentes, hamburguesas e bebidas que se poderá atopar na Barra da Cantina.

Para os máis golosos, a praza exterior contará con postos de xeados, algodón de azucre, gofres e palomitas. Cidade Imaxinaria contará tamén cunha carpa de descanso e un fotomatón no que poder inmortalizar o día rodeado de curiosos e divertidos personaxes.

TRANSPORTE PÚBLICO

E para facilitar o acceso á Cidade da Cultura, durante o 24 de agosto reforzarase o servizo de autobuses urbanos que ascenden ata o Gaiás. Deste xeito, a liña 9 circulará durante todo o día en dúas frecuencias e ao prezo habitual.

De 8:30 a 13:30 horas, a liña 9 subirá cada sesenta minutos ao Gaiás coa ruta habitual: Casas Novas, Galeras, Senra, Virxe da Cerca, Porta do Camiño, San Roque, Basquiños, Estación de Autobuses, Fontiñas e Cidade da Cultura.

De 14:00 a 21:30 horas, a liña 9 contará cunha ruta especial que rebaixará a frecuencia a 40 minutos. A saída será desde a praza de Galicia (no Banco Santander) e pasará por Virxe da Cerca, Porta do Camiño, San Roque, Basquiños, Estación de Autobuses, Fontiñas e o Gaiás. A primeira saída desde a praza de Galicia terá lugar ás 14:20 horas e a última ás 21:00 horas. Do mesmo xeito, a primeira baixada desde o Gaiás ao centro será ás 14:00 horas e a última ás 21:20 horas.

DE BALDE

Todas as actividades de Cidade Imaxinaria son de balde e só dúas precisan de retirada previa de tickets: Sin Sin Calcetín e Teatrino dei Piedi. A retirada de tickets terá lugar no Punto On a partir das 11:30 horas para os pases de mañá e a partir das 16:30 horas para os pases de tarde. Entregarase un máximo de dúas entradas por adulto.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar