A conselleira de Medio Rural destaca o consenso cara a apllicación da PAC

Rosa Quintana_rolda PAC

Galicia conta cunha postura común, consensuada entre a Xunta e as organizacións profesionais agrarias, cara a aplicación da nova Política Agrícola Comunitaria (PAC) no noso territorio. Así o destacou hoxe a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, na presentación das liñas xerais da posición galega nesta materia.

Rosa Quintana, que estivo acompañada pola directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, salientou que este consenso permitirá defender con forza os intereses de Galicia no proceso de aplicación desta política comunitaria.

 

 

A titular de Medio Rural e do Mar explicou que a nosa Comunidade aposta, en primeiro lugar, pola garantía do mantemento sen recortes dos fondos que se veñen percibindo de forma anual en Galicia das actuais asignacións desta política.

Tamén se defende que os beneficiarios das axudas deben ser agricultores e gandeiros activos e que é preciso evitar distorsións entre sectores e territorios na aplicación desta política, de tal forma que a súa comarcalización contemple as realidades e orientacións produtivas a nivel estatal.

Sobre a compoñente ecolóxica da nova PAC, Galicia entende –tal como explicou a conselleira– que esta non pode supoñer en ningún caso unha limitación da viabilidade ou capacidade produtiva das explotacións.

Ao tempo, a nosa Comunidade estima que se debe respectar a porcentaxe actual do 30% dos pagos directos que supoñen en Galicia as axudas acopladas (é dicir, aquelas asociadas a un determinado volume de produción), con especial sensibilidade de cara á gandería.

A conselleira fixo unha referencia especial ao sector lácteo, estratéxico para Galicia. Neste eido –dixo–, a nosa Comunidade defende mecanismos de control da produción nun escenario sen cotas e traballa co Ministerio para facer posible que existen alternativas para establecer posibles mecanismos de monitorización e xestión do mercado lácteo. A conselleira explicou que se poden propoñer 2 tipos de ferramentas, unhas para a xestión ordinaria do mercado e outras que actuarían unicamente en caso de producirse situacións de serio desequilibrio no mercado. Ambas opcións están a ser debatidas arestora nas instancias comunitarias, a proposta de España.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar