En Galicia os prezos retroceden sete décimas

O índice de prezos de consumo (IPC) retrocedeu en xullo sete décimas en Galicia, mentres que a taxa interanual cae dende o 2,2% de xuño ao 1,9%, de acordo cos datos publicados este martes polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Este descenso experimentado en Galicia supera o rexistrado en todo o Estado no sétimo mes do ano que foi do 0,5% respecto a xuño. Así, o IPC recortou tres décimas a súa taxa interanual, ata o 1,8%, debido a que a suba dos prezos dos medicamentos e a electricidade foron inferiores ás rexistradas un ano antes, segundo os datos do instituto estatístico, que confirma así parte dos datos avanzados a finais do mes pasado.

Co retroceso de xullo, o IPC interanual volve baixar despois de encadear dous meses consecutivos de ascensos e sitúase de novo por debaixo da barreira do 2%.

No caso de Galicia, a caída de sete décimas experimentada en xullo está influída polos descensos no vestido e o calzado (12,5%), polas rebaixas estivais; as comunicacións (1,2%); o enxoval (0,7%); o ensino (0,1%) e outros bens e servizos (0,2%).

Pola contra, aumentaron as bebidas alcohólicas e tabaco (1,9%); o ocio e a cultura (1,4%); o transporte (1,2%); hoteis, cafés e restaurantes (0,9%); alimentos e bebidas non alcohólicas e vivenda (0,5%) e medicina (0,2%).

Na comparación interanual, o maior incremento corresponde ás bebidas alcohólicas e tabaco, cun 6,2%; mentres que a medicina subiu un 5,6% e os alimentos e bebidas non alcohólicas, un 4,6%. Tamén se incrementou o índice para o ensino (3,8%); outros bens e servizos (2,8%); o enxoval e o transporte (1,6%); ocio e cultura (1,3%) e hoteis, cafés e restaurantes (un 1,2%).

En canto aos capítulos que descenderon, destacan as comunicacións (3,5%). O vestido e o calzado e a vivenda, pola súa banda, anotáronse senllas baixadas do 0,5%. Por último, no que vai de ano, o IPC caeu sete décimas na comunidade, segundo o instituto estatístico.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar