Campaña de promoción das conservas de peixe na alimentación infantil

Conservas peixe

O secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, visitou hoxe o obradoiro que dá comezo á campaña de verán «Ponlle as pilas ao teu bocata» e que se desenvolveu na Escola de Educación Infantil de Coirós coa participación de máis dunha trintena de nenas e nenos desta localidade coruñesa.

A iniciativa, impulsada pola Consellería do Medio Rural e do Mar en colaboración coas consellerías de Educación e Sanidade e de Anfaco-Cecopesca, pretende fomentar o consumo de conservas de peixe e moluscos entre os máis cativos e transmitirlles a importancia das súas achegas nutritivas.

Os obradoiros consisten nunha explicación participativa sobre o consumo do peixe e os beneficios das conservas seguida de diferentes xogos didácticos relacionados coa pesca, o procesamento do produto, a conservación medio ambiental e a clasificación dos peixes e mariscos. Por último, os pequenos elaboran os seus bocatas a base de conservas para a súa posterior degustación.

A través destas actividades, a Consellería pretende promover o consumo das conservas entre os rapaces e que se familiaricen co mundo da conserva de peixe e marisco para aumentar o interese por este produto e os seus coñecementos sobre as distintas especies de peixe e molusco e as súas características nutricionais. A campaña Ponlle as pilas ao teu bocata tamén estivo presente durante o curso nas aulas de colexios públicos de toda Galicia e en diferentes eventos deportivos e culturais.

Calendario de agosto
Tras esta presentación en Coirós, Medio Rural e Mar achegará esta campaña durante o mes de agosto aos seguintes concellos:

– A Pobra de Trives (Ourense). 13 de agosto.
– Alfoz (Lugo). 14 de agosto.
– Culleredo (A Coruña). 19 de agosto.
– O Valadouro (Lugo). 20 de agosto.
– Ribadumia (Pontevedra). 21 de agosto.
– O Grove (Pontevedra). 23 de agosto.
– Trazo (A Coruña). 24 de agosto.
– San Sadurniño (A Coruña). 28 de agosto.
– Piñor (Ourense). 29 de agosto.
– Frades e Mesía (A Coruña). 31 de agosto.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar