270 animais atendidos no Centro de Acollida da Deputación de Pontevedra

Lourzan visita centro acollida cans

Con máis de 600 intervencións nos primeiros catro meses de funcionamento, o Centro de Acollida de Animais Abandonados (CAAN) da Deputación de Pontevedra ten demostrado que se trata dun servizo cunha alta demanda e que vén a dar resposta a un problema real que moitos concellos da provincia non podían asumir por falta de medios técnicos e de recursos económicos.

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, visitou esta mañá as instalacións do centro, nos que nestes momentos hai acollidos 270 cans adultos e preto dun cento de cachorros de menos de 2 meses. Son datos que, a xuízo do titular da Administración provincial, demostran “o éxito dun servizo que foi posto en marcha para axudar aos concellos da provincia” e ao que xa están adheridos 48 municipios.

Louzán salientou que se trata dun centro que “está funcionando a pleno rendemento e cun éxito rotundo”.
Os concellos onde máis animais se recolleron foron O Grove (con 29 animais) e A Cañiza (con 23). No extremo contrario situáronse Dozón e Mondariz-Balneario, onde non foi preciso recoller ningún animal. Por comarcas, foi a de O Salnés a que demandou un maior número de intervencións, con 170.

Louzán incidiu en que, ao contrario do que desde algúns colectivos se tratou de facer crer, trátase dun servizo viable, que funciona e, o máis importante, que era moi necesario.

A Administración provincial investiu 120.000 euros en traballos orientados a mellorar o funcionamento do centro para que se consolide como un centro de acollida de referencia en toda a provincia.

O obxectivo é conseguir que estas instalacións dean a mellor das respostas aos concellos que xa están adheridos e a todos os que se poidan adherir nun futuro.

70 ADOPCIÓNS

Nestes 4 primeiros meses de funcionamento, o CAAN logrou 70 adopcións e as perspectivas son que se incremente notablemente o ritmo de adopcións coa próxima posta en marcha da web do centro, onde se incidirá na promoción das adopcións e desde a que se poderán axilizar os trámites para adoptar.

A concienciación contra os abandonos e a promoción das adopcións son dous eixes fundamentais do traballo do CAAN, que na actualidade colabora xa con diversas protectoras da provincia na recollida, recuperación e adopción de animais, como é Peludos sen Fogar de Lalín ou Adopcións Galicia.

As adopcións son totalmente gratuítas para as persoas que deciden acoller algún destes animais abandonados e, ademais, recíbenos vacinados, desparasitados e co obrigatorio microchip.

0 90 %, SEN MICROCHIP

O número de animais recollidos polo servizo de lacería é moito menor que o das intervencións feitas, dado que cando se trata de animais con microchip e perfectamente identificados, dáse aviso aos propietarios para que poidan recollelo xa no mesmo lugar da captura.

Deste xeito, buscase premiar a aqueles propietarios que teñen o seu animal correctamente identificado e rexistrado, de forma que poden recuperar o animal facilmente e sen custe cando este se extravía. Así, preto de 150 puideron ser recuperados polos seus propietarios no centro de acollida.

Malia todo, o CAAN ten detectado un alto índice de animais sen identificar, xa que o 90% dos cans recollidos carecían do correspondente microchip.

A maiores, un 10% presentaban lesións ou enfermidades graves no momento da súa entrada no centro, derivadas de actuacións neglixentes, maltrato ou accidentes de trafico. En todos os casos, os animais son tratados polos veterinarios do centro para a súa recuperación.

XESTIÓN EFICIENTE E ECONÓMICA

A posta en marcha deste servizo supúxolle aos concellos da provincia á posibilidade de prestar de forma eficiente e económica un servizo que lles estaba a resultar moi gravoso para as arcas municipais ou que, directamente, eran incapaces de prestar por carecer de recursos, malia ser de competencia municipal.
Así, o aforro que a posta en marcha do servizo provincial de recollida de animais lles supuxo a algúns concellos supera nalgúns casos o 70%, con respecto ao que estaban a pagar ata o de agora.
Nesta liña, a xestión do servizo supón un custo anual de 250.000 euros, dos cales uns 130.000 euros os financia a Deputación e o restante o abonan os concellos a razón de 30 céntimos por habitante e ano.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar