Obras de mejora en la Alameda de Santiago

Maqueta cafetería Alameda Santiago
Maqueta da nova cafetería.

O Concello de Santiago, a través da súa Xunta de Goberno, vén de autorizar o inicio das obras da futura cafetería da Alameda. Esta intervención vai supor una transformación deste parque emblemático de Compostela. O Goberno local tamén deu o visto bo ao comezo das obras no estanque da propia Alameda.
A alcaldesa en funcións, Reyes Leis, que tamén exerce durante estes días de concelleira de Urbanismo en funcións, deu conta da autorización desta obra, que estará dirixida polo arquitecto autor do proxecto, César Coll. O financiamento corre a cargo do gañador do concurso e concesionario da explotación da cafetería, a empresa de hostalería Feixoada Galicia (propietaria de varios establecementos na cidade). A edil lembrou o éxito deste concurso, grazas ao cal, en tempo récord, materializouse este cobizoso proxecto sen custo algún para os petos dos composteláns.

As obras van supoñer a demolición das dúas construcións actuais, agora anticuadas e que afean a carballeira de Santa Susana. Serán substituídas por un edificio lixeiro, acristalado e perfectamente adaptado ao parque, que servirá para introducir un elemento de arquitectura contemporánea nos xardíns. Será unha construción de calidade arquitectónica pensada para integrar nela as árbores do espazo no que se sitúa. Este edificio permitirá ofrecer a composteláns e turistas un servizo demandado dende hai anos: unha cafetería para gozar da Alameda e das súas vistas.

Caseta Alameda de Santiago que se derrubará
A actual caseta será derrubada.

A obra que se iniciará a semana próxima é a primeira fase, valado da obra e na demolición da caseta situada xunto á Porta dos Leóns. O outro inmoble utilizarase como caseta de obra. Tras a demolición realizaranse os estudos xeotécnicos e a escavación dos cimentos da base do edificio e do pequeno soto que vai ter. Finalmente, construirase a estrutura. Na segunda fase, remataranse os detalles e se demolerase a caseta xunto ao palco para facer a terraza aberta.

A primeira fase da obra ten un orzamento de 128.000 euros, co obxectivo de dispor desta cafetería este mesmo ano 2013.

Esta actuación enmárcase no proceso de remodelación e rehabilitación do parque da Alameda, que inclúe, ademais, a recente rehabilitación do espazo de Santa Susana, co acondicionamento dun local para os xardineiros e a retirada do galpón existente; a reforma dos aseos da Alameda; a reparación das escaleiras de Porta Faxeira, actualmente en marcha, e a rehabilitación do estanque.

ESTANQUE DA ALAMEDA

Estanque Alameda Santiago_VCALTamén se van iniciar as devanditas obras no estanque da Alameda, que contan cun orzamento de 120.000 euros e un prazo de execución de catro meses. O obxectivo principal desta actuación é proporcionar maior entidade e presenza ao estanque dentro do espazo da Alameda. Para iso realizaranse varias intervencións:

– Eliminación da sebe de Ligustrum, elemento que na actualidade limita e reduce a percepción visual dos diferentes elementos que forman parte do espazo (auga, formas, vexetación).

– Instalación de xogos de auga e luz, achegando así elementos de altura e son.

– Introdución de aves acuáticas (parrulos), para o goce dos usuarios.

– Plantación de especies arbustivas, tapizantes e bulbosas, que aumentan a riqueza botánica e ornamental do espazo.

– Mellora do mobiliario existente.

Ao mesmo tempo, solucionaranse outros problemas da zona, como o empozamento que se produce no paseo peonil que discurre entre o estanque e a avenida Juan Carlos I, paralelo a esta última. Ademais, acometerase un aforro na xestión da auga, mediante a automatización do sistema de rega manual que na actualidade existe nalgunhas partes da Alameda: a zona do estanque, o paseo central da Alameda, a entrada principal e o Campo da Estrela. Finalmente, impermeabilizarase o vaso do estanque, que actualmente presenta grandes perdas de auga.

En canto a novas instalacións, automatizarase o sistema de rega manual existente, conectando as válvulas co programador central da Alameda. O rego automatizado ampliarase, ademais de ás zonas verdes do estanque, ao resto de zonas da Alameda que se atopan actualmente sen automatizar: o paseo central de tilos, a entrada principal onde se atopa a escultura das Marías e o Campo da Estrela.

Tamen se substituiran e reubicaran todos os emisores de rego da zona verde do estanque por outros adaptados ás novas plantacións. Dotarase o paseo peonil que discorre entre o estanque e a avenida Juan Carlos I dunha rede de pluviais, composta de sumidoiros sifonicos con grella de fundición e un colector de pluviais soterrado.

A intervención completarase coa instalación dun sistema de chorros e luces led con diferentes alturas, abanicos, cortes de auga, funcionamento intermitente, escaleiras, etc., achegando así elementos de altura e son. Para isto colocarase un sistema d e bombeo e filtración e un automatismo que controlará o funcionamento dos chorros de auga e luces.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar