A Policía autonómica practicou no que vai de ano 65 detencións por incendios forestais

A Policía Autonómica leva detidas ou imputadas 65 persoas no que vai de ano, como presuntos autores de incendios forestais en Galicia. Por provincias, case un 70 por cento pertencen ás da Coruña (25) e Pontevedra (18), ás que lle seguen as provincias de Ourense (14) e Lugo (5). A proporción é moi similar á do ano anterior, onde dos 108 detidos que houbo en todo o exercicio, preto do 77 por cento pertencían tamén as dúas provincias atlánticas.

A meirande parte dos lumes que se lle imputan a estes detidos foron provocados por escapes de queima de restos agrícolas e forestais, nos que non se tiña solicitado a obrigatoria autorización á Consellería do Medio Rural e do Mar. Ademais, na maioría dos casos non se adoptaron as medidas de seguridade preceptivas, ocasionando que o lume avance de maneira descontrolada e se requira a presenza dos servizos de Extinción de Incendios da Xunta de Galicia.

Doutra banda, preto dunha decena destas persoas foron detidas por incendios intencionados, algunhas delas reincidentes e con múltiples incendios recoñecidos ao longo de varios anos. É o caso dun veciño de Santa Comba que foi detido o pasado mes de xuño e que recoñeceu a súa participación en media ducia de lumes. Tralas investigacións posteriores, os axentes ampliaron a súa participación a alomenos 27 incendios, ocorridos entre 2008 e 2013 nos concellos de Santa Comba e Coristanco.

Neste sentido, a Policía Autonómica quere facer fincapé na importantísima axuda da cidadanía, cuxos testemuños á hora de facer ás investigacións son fundamentais para o bo resultado destas e para avanzar na loita contra a lacra dos incendios forestais.

Nos últimos meses, a chegada de novos efectivos á Policía Autonómica galega permitiu facer unha importante restruturación do seu cadro de persoal e potenciar determinados servizos operativos, especialmente relacionados coa prevención e investigación de incendios forestais e a loita contra o furtivismo e o marisqueo ilegal. Estes dous eixos competenciais, nos que xa se viña volcando a acción da UPA, se viron reforzados este ano, tanto en funcións preventivas, como de investigación e intervención.

Neste sentido, cobra especial importancia a colaboración dos axentes autonómicos co Plan de Loita contra Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA), con patrullas especiais de vixilancia en zonas forestais, control de queimas, talas, plantacións, pastos en zonas afectadas polos lumes e seguimento de zonas queimadas. Así como investigación de incendios, mediante inspeccións oculares; captación de información e colaboración e coordinación cos distritos forestais e de servizos contra incendios.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar