Campaña para a promoción da gastronomía galega, segunda razón dos turistas para vir

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e mais o presidente da Asociación NOVE Grupo Gastronómico; Miguel Ángel Campos Gómez asinaron esta mañá un convenio
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e mais o presidente da Asociación NOVE Grupo Gastronómico; Miguel Ángel Campos Gómez asinaron esta mañá un convenio

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e mais o presidente da Asociación NOVE Grupo Gastronómico; Miguel Ángel Campos Gómez asinaron esta mañá un convenio que ten como obxectivo é a promoción conxunta de Galicia como destino turístico, promovendo e comercializando a gastronomía galega.

En virtude deste acordo, o Grupo NOVE, composto por 22 dos restauradores de máis relevancia da comunidade, e Turismo de Galicia desenvolverán actuacións como a celebración dun evento promocional Showcooking na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela no mes de outubro de 2013 (Museo Centro Gaiás). Así como a adquisición dun stand-cociña móbil para cociña demostración. Ademais, os cociñeiros do grupo asistirán aos eventos de promoción turística para os que sexan requiridos para facer demostracións culinarias en vivo. Ao tempo, publicarase o libro ‘Nove e a cociña galega. Cociñeiros, paisaxes e produtos’.

Estas actuacións terán como fin a difusión da cultura gastronómica galega e a nova cociña a toda a poboación, dentro e fóra de Galicia. Ademais, reforzarán a presenza da marca Galicia nun dos principais mercados emisores e poñerán en valor a gastronomía, un dos piares fundamentais da cultura do país. De igual xeito, preténdese que a gastronomía actúe como elemento de desestacionalización e atractivo para os viaxeiros interesados nas creacións gastronómicas e de calidade.

A publicación ‘Nove e a cociña galega’ abordará o papel do grupo NOVE como dinamizador da cociña en Galicia, ademais de aportar a visión persoal de cada cociñeiro sobre un produto e un prato ou receita.

SEGUNDA MOTIVACIÓN

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, “falar de gastronomía en Galicia é falar dun dos motivos principais polos que os viaxeiros se achegan a compartir connosco o noso destino”. “A boa mesa e os nosos viños son a segunda motivación, tras a natureza, dos turistas que nos escollen para as súas vacacións”, explicou. Nava Catro resaltou a importancia de potenciar novas iniciativas que divulguen a gran potencialidade gastronómica de Galicia e que nos sitúen “á vangarda da oferta culinaria”.

A directora de Turismo comentou que a posta en marcha de iniciativas de promoción neste eido “supón a posta en valor dun recurso que ten moita capacidade de atracción e que ao tempo é moi versátil, que pode complementarse con outros produtos ou experiencias e que enriquece a estadía na nosa comunidade”.

Pola súa parte, o presidente do Grupo Nove, Miguel Ángel Campos, resaltou que con estas actuacións preténdese tamén acadar un achegamento do público á alta gastronomía e á cociña de vangarda que se fai en Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar