Vigo: restablécese o tráfico tras o incendio do Berbés

Fachada frigoríficos Berbes_Vigo_tras incendio nave

O tráfico na viguesa Avenida Beiramar, que permanecía cortada a raíz do incendio que o mércores se produciu na nave de Frigoríficos Berbés, quedou restablecido dende este venres, unha vez que se instalaron os paneis de seguridade na zona que corre risco de derrubarse.

Segundo informou o alcalde, Abel Caballero, durante a noite quedaron instalados os paneis na rúa Severo Ochoa, os cales se colocaron como protección ante a posibilidade de que haxa derrubamentos na fachada do edificio que dá a ese vial; polo que á unha de madrugada se puido abrir Beiramar á circulación de vehículos.

En canto á rúa Jacinto Benavente, explicou que permanecerá cortada unha zona reservada para o acceso do persoal que se encargue de tirar o muro do edificio que está en risco. A ese respecto, Caballero indicou que o Concello xa está en contacto coa propiedade da nave co fin de que esta demolición se efectue en breve.

Por outra banda, o rexedor olívico insistiu na necesidade de investigar a fondo as causas dos dous incendios que sufriu este edificio nos últimos anos –o desta semana e o de setembro de 2011– xa que, ao seu xuízo, «non é normal» nunha nave «teoricamente sen actividade». Así, destacou que dende a Administración local xa as están a analizar e que «sería bo» que a Autoridade Portuaria –o chan é unha concesión outorgada por ese organismo– fixese o seu propio estudio.
PORTO

Pola súa banda, o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, achegou datos sobre o estado das concesións na zona do sinistro. Segundo explicou, na zona de dominio portuario todas as concesións están sendo pagadas polos responsables das entidades situadas. Ademais, precisou que todas as empresas situadas nesa zona están «en activo» con algunha pequena excepción –a nave incendiada e un taller– e que «fundamentalmente» as que non teñen están na zona municipal.

No caso da nave de Frigoríficos Berbés, explicou que a concesión concluirá en 2027 e que, ao tratarse dunha empresa que está en liquidación, a responsable da xestión é a administración concursal, coa supervisión do xulgado.

«Trátase dunha concesión administrativa vixente –outorgada para actividade frigorífica– e hai unha xestión por parte da administración concursal», insistiu, se ben precisou que se solicitará un informe das «obras» que se estaban a executar nas instalacións, pois, ao tratarse dunha empresa en liquidación, estábanse a retirar obxectos do interior das instalacións.
PP

Pola súa banda, o Grupo Municipal do PP criticou o goberno local pola xestión do tráfico a raíz da necesidade de cortar a circulación en Beiramar e, nese sentido, o edil Miguel Fidalgo mantivo que as rúas de media cidade «se parecían a algunha das principais cidades de Paquistán», ante a confusión xerada entre os automobilistas».

Así, Fidalgo denunciou que non se ofreceron «alternativas» ao tráfico ao estar pechada unha das principais arterias da cidade e xulgou «incomprensible» a «falta de previsión e planificación».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar