Cultura, en defensa da danza tradicional

xesus vaquez presenta en rp a programacion Danza 3 foto: ana varela

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou una nova edición do programa de difusión do baile e da música tradicionais Danza 3, que este ano sairá ao encontro dos espectadores nas prazas e rúas de nove localidades a través doutras tantas actuacións protagonizadas por Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela, O Fiadeiro de Vigo e Xacarandaina da Coruña.

 

Como explicou o conselleiro, estes tres grupos volven contar co respaldo de Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), para desenvolver un ciclo que “contribúe a dignificar o baile galego mediante propostas únicas, adaptadas a cada ocasión e espazo, e que desprega ante os cidadáns a extraordinaria riqueza das nosas danzas, así como das músicas que as acompañan e do vestiario co que se escenifican”. Este é o espírito co que se pon en marcha a nova entrega de Danza 3 que, baixo o lema “Folclore na rúa”, busca transmitir ao público a esencia da nosa tradición a través de espectáculos tan coidados no artístico como respectuosos coas raíces.

Vázquez Abad detallou os aspectos máis destacados do programa, que se desenvolverá do 10 de agosto ao 22 de setembro e para o que se dispón, así mesmo, da colaboración dos concellos participantes. Acompañárono na presentación que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia o director da Agadic, Jacobo Sutil, e os representantes destas agrupacións (Amparo Pérez, de Cantigas e Agarimos; Rafael Crespo, do Fiadeiro; e Ismael Marcos, de Xacarandaina), das que o conselleiro subliñou o seu “sobresaínte labor no ámbito da investigación, conservación e divulgación do baile e da música tradicionais”.

Así mesmo, lembrou que estas tres entidades, unidas como colectivo baixo as siglas XOC, son as impulsoras da proposta para lle solicitar á Unesco a declaración do baile galego como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade, ao tempo que lles reiterou o apoio do seu departamento a unha iniciativa que –asegurou– “entronca directamente co noso cometido institucional a prol da conservación e da promoción do legado cultural que compartimos todos os galegos”.

O titular de Cultura e Educación amosouse convencido de que a nosa danza tradicional reúne as características necesarias para integrar a lista elaborada pola Unesco e, neste sentido, definiu o programa Danza 3 como unha excelente oportunidade para compartir coa cidadanía os argumentos que sustentan esta candidatura. “Como herdeiros dunha tradición folclórica secular, os galegos atopamos na danza popular unha das manifestación culturais máis arraigadas e que mellor define a nosa idiosincrasia como pobo”, afirmou, ao tempo que gabou o traballo das asociacións, agrupacións, escolas e demais entidades que manteñen vivo “este vizoso patrimonio inmaterial, tan rico en temáticas, movementos e ritmos”.


CALENDARIO

Cada un destes grupos de baile e música ofrecerá un total de tres funcións no marco deste ciclo, que dará comezo o vindeiro 10 de agosto coas presentacións de Cantigas e Agarimos en Celanova e Xacarandaina na Laracha. A agrupación compostelá actuará ademais en Marín (8 de setembro) e no Barco de Valdeorras (13 de setembro), mentres que Xacarandaina o fará tamén en Betanzos (24 de agosto) e en Vilalba (31 de agosto). Pola súa banda, O Fiadeiro representará os seus espectáculos en Ponteareas (7 de setembro), Redondela (22 de setembro) e nunha terceira localidade pendente de confirmación.

En cada unha destas citas, as agrupacións exhibirán a pé de rúa unha mostra do seu amplo repertorio nunha proposta artística preparada especialmente para cada espazo e a través da que se buscará implicar o público asistente, de xeito que cada un destes espectáculos será único, espontáneo e persoal.

Cantigas e Agarimos, O Fiadeiro e Xacarandaina veñen colaborando desde hai unha década en distintas entregas de Danza 3, para as que contaron co apoio de diferentes administracións públicas. As tres entidades traballan, desde a súa fundación, coa música e o baile tradicionais como materias primas a partir das que constrúen experiencias visuais e sonoras para o público actual, contribuíndo deste xeito á divulgación dunha parte esencial da cultura de Galicia e do seu patrimonio inmaterial.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar