Beiras esixe responsabilidades a Renfe e Adif

Beiras_rolda de prensa AGE_visillos de fondo

O voceiro parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras, interpretou que Renfe e Adif «se autodenuncian» ao implantar agora «medidas de seguridade que tiñan que existir antes para evitar o accidente» e subliñou que a responsabilidade destes organismos é «brutal».

Nunha rolda de prensa celebrada este sábado, sinalou que «se esas medidas de seguridade se tomasen antes, non acontecería a catástrofe» e cualificou de «absolutamente incrible» que «se criminalice ao maquinista e se lle atribúa a culpa do accidente».

Precisamente, Adif limitou a 30 quilómetros por hora a velocidade no tramo de vía ferroviaria no que o pasado 24 de xullo descarrilou o Alvia Madrid-Ferrol. Unha limitación que se instaurou coa colocación, o pasado luns, dunha baliza e un cartelón no punto quilométrico 81 da vía, tres quilómetros antes do punto exacto no que se produciu o sinistro.

«Imaxinádevos que a un maquinista lle dea unha lipotimia e o tren vaise fóra da vía, ¿é culpable de ter unha lipotimia?», cuestionou o voceiro de AGE antes de insistir en que «se as medidas de seguridade estivesen postas, non habería acontecido a traxedia, polo que a culpa é de quen non as puxo».

Ademais, Beiras considerou «indispensable» que se «investigue a fondo» a responsabilidade tanto de Renfe coma de Adif e que «se ha lugar a indicios de culpabilidade, de irresponsabilidade ou de fraude» ao «non cumprir a execución da obra as medidas de seguridade que estaban» no proxecto», os seus responsables «sexan imputados».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar