Duodécima edición do premio «Ramón Piñeiro»

SONY DSC

Nas dependencias do Consello da Cultura Galega, a Asociación Cultural Val de Láncara presentou o XII Premio Ramón Piñeiro “Facer País”.
En representación de Val de Láncara estivo o seu Secretario, Carlos López Sierra; polo CPI Ramón Piñeiro de Láncara, o profesor Xurxo Rodríguez Lozano e polo Club UNESCO de Sarria, Jesús Vila Tourón.
O Premio Ramón Piñeiro “Facer País” pretende recoñecer a aquelas persoas ou institucións que ao longo do tempo se teñen distinguido na defensa da lingua e da cultura de Galicia e que, co seu traballo en diferentes eidos (historia, arte, literatura, economía, política…), contribuiron a preservar a nosa identidade como pobo.
O premio non ten dotación económica. Entrégase unha obra de arte dun artista galego (nos últimos anos foron doadas pola Escola de Arte Superior e de Deseño “Ramón Falcón”, de Lugo, e consistiron en pezas cerámicas).
O Xurado está formado por membros de máis de vinte Asociacións Culturais dos concellos de Láncara, Sarria e O Corgo, ademáis do CPI Ramón Piñeiro de Láncara, así que representa un recoñecemento da cultura de base aos galardoados.
Calquera Asociación pode facer propostas ata o día 20 de agosto. O Xurado fallará o Premio o día 27 de agosto, seguindo o procedemento determinado no regulamento, e procederá a facelo público a través da Asociación Val de Láncara. Esta Asociación organizará os actos de entrega do Premio en Láncara arredor do mes de outubro, como vén sendo costume.
A primeira persoa que recibiu este premio foi o intelectual Isaac Díaz Pardo, quen tivo a xentileza de facer un debuxo que representa a Ponte de Carracedo, emblemática de Láncara, e que pasou a ser a imaxe do cartaz da convocatoria.
Despois foron agasallados escritores como Xosé Neira Vilas, Luz Pozo Garza ou Agustín Fernández Paz; os músicos de Milladoiro e Mini e Mero; políticos como Avelino Pousa Antelo ou Xosé Manuel Beiras; o actor Luis Tosar e institucións como o xornal “A Nosa Terra” e a Real Academia Galega.
Todos os premiados foron caricaturizados polo artista Siro para o cartaz da entrega de premios.
Colaboran coas Asociacións organizadoras a deputación de Lugo (Área de Cultura), o concello de Láncara, a Caixa Rural Galega e a Escola de Arte Ramón Falcón.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar