Pola recuperación da actividade económica

Feijóo_La Voz_emprendedores

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou esta tarde que a Xunta ampliará a estratexia de apoio aos emprendedores cun paquete de incentivos para facilitar e abaratar o acceso ao solo industrial existente en Galicia. E, nesta liña, precisou que o próximo Consello aprobará varias medidas para dinamizar a venda de parcelas nos parques empresariais: “Imos facer un solo máis accesible, máis barato e dando facilidades de pago. E o próximo xoves levaremos ao Consello un paquete de medidas para vender o chan entre un 20-25% máis barato, facendo rebaixas especiais para aqueles que queiran pagar ao contado e queiran comprar unha serie de parcelas que, pola súa dimensión, acrediten que van crear postos de traballo”.

Durante o Foro Peme II: Realidade e retos das pemes”, o responsable autonómico salientou que Galicia segue tendo solo industrial a disposición dos emprendedores: 50 parques con solo dispoñible, 961 parcelas e 3 millóns de metros cadrados. E, diante destas cifras, avogou por estimular ao máximo que os emprendedores accedan a el, en lugar de desincentivalo.

Feijóo lembrou que non subir impostos, por un lado; e levar a cabo rebaixas selectivas de impostos é o camiño que seguiu o Goberno galego na pasada lexislatura e o camiño que está andando tamén nos primeiros meses desta nova lexislatura. E ao fío disto, lembrou que a Xunta, entre o ano 2009-2012, deu máis avais no Igape que en 30 anos de autonomía e rebaixou os impostos 116 millóns de euros, beneficiándose 167.000 galegos. “Aprobamos a Lei do Emprendedor, co obxectivo de que non sexa necesario pedir licencias previas para abrir un negocio senón simplemente presentar unha documentación; estamos rebaixando impostos de forma selectiva –IRPF, Sucesións e Doazóns, Patrimonio e Actos Xurídicos- para aqueles que invistan en Galicia e imos seguir insistindo na internacionalización”, engadiu.

Ao longo da súa intervención, Feijóo amosouse convencido de que con empresarios, cun sistema financeiro sólido e cunha administración que faga os seus deberes é posible saír da crise. E, sobre este último punto, destacou a necesidade de seguir xestionando a realidade: “Hai dous tipos de autonomías: as responsables e as que non. E o autonomismo responsable é unha boa forma de xestionar”, aseverou.

O titular da Xunta fixo fincapé en que Galicia logrou, coa súa xestión, despexar varios riscos: “o risco do rescate e, Galicia hoxe non está rescatada, nin tivemos que acudir ao crédito ICO para pagar a provedores, nin ao Fondo de liquidez autonómico e completamos o sistema de endebedamento do ano 2013 en 72 horas”. E a comunidade galega foi a primeira que aprobou a Lei de Disciplina presupostaria, “que non é outra cousa que ter teito de gasto e ter que ir amortizando a débeda na que incorremos”.

Diante destes datos, e logo de amosarse convencido de que o autogoberno se blinda coa situación financeira da comunidade; o presidente do Goberno galego estableceu como reto para o final desta lexislatura -ano 2016-, que as contas da comunidade estean no entorno do déficit cero.

Por último, Feijóo referiuse tamén ao incremento dos servizos públicos esenciais, a pesar da crise: construíndo e ampliando hospitais; tendo as universidades máis accesibles de España, incrementando un 70% as becas de matrícula; un 28% máis de prazas de plurilingüismo; 14.000 prazas máis en catro anos en FP; e co compromiso de crear outras 6.000 novas prazas nesta lexislatura de garderías, centros de día e residencias. “En definitiva, en dúas lexislaturas de crise teremos remodelado boa parte dos hospitais do Sergas, creado 12.000 prazas públicas de servizos sociais, manter as universidades accesibles, incrementar a Formación Profesional e os idiomas nas aulas”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar