Ourense: Entrega das distincións ao mérito deportivo coa presencia de Feijóo

Feijóo_distincións ao mérito deportivo

“Galicia quere saldar unha débeda de gratitude coas persoas, clubs, eventos e institucións que ao longo da súa traxectoria contribuíron ao que a Xunta considera un obxectivo de país: a extensión a todos os galegos do hábito do deporte e da actividade física”. Así resumiu o presidente galego o obxectivo das Distincións ao Mérito Deportivo, cuxa entrega presidiu esta tarde en Ourense, nun acto no que remarcou a complicidade dos galardoados coa meta de conseguir “un país fisicamente activo no que o deporte sexa un hábito común á maioría”.

Alberto Núñez Feijóo asegurou que “a obsesión” do Goberno galego por construír unha Galicia máis deportista responde “á nosa obrigada preocupación polo benestar presente e futuro dos cidadáns”, mais tamén ao convencemento de que “o deporte é moito máis que un camiño para a boa saúde”. Así, resaltou que o deporte é “unha ferramenta de cohesión e integración social, é unha fonte de riqueza, é un reclamo turístico e é un instrumento de educación”.

 

 

Explicou que por ese motivo o Goberno galego actúa “dun xeito integral” para fomentar a cultura do deporte. A ese respecto, apuntou que a Xunta conserva en pé o seu “compromiso de apoio ao deporte de base”, mantendo como prioridade as axudas aos clubs e federacións deportivas, ao tempo que promove a práctica deportiva no eido escolar, con programas como o Xogade, amplamente apoiado polos centros de ensino da Comunidade.

O presidente da Xunta subliñou ademais a renovación “ano a ano” do apoio aos atletas a través do programa de Deportistas Galegos de Alto Nivel e das infraestruturas nas que abordar a súa preparación. Esa aposta, salientou, ten o seu principal expoñente no Centro de Tecnificación Deportiva en Pontevedra, do que dixo que “continúa a ser unha referencia nacional por combinar o adestramento do máis alto nivel físico coa preparación persoal e académica dos deportistas”.

Igualmente relevante considerou o mandatario autonómico ter dotado o deporte galego “dun marco normativo actualizado”, coa aprobación dunha Lei do Deporte de Galicia que atende “á cada vez máis complexa” realidade da actividade física, incentivando a súa práctica e atallando de forma contundente “ameazas como a violencia ou a dopaxe”. Sinalou que esta norma se completará co Decreto do Deporte de Alto Nivel que, xunto cos deportistas, recoñecerá “outras figuras significativas no eido da competición como son os árbitros e os adestradores”.

Segundo subliñou Feijóo, a extensión do hábito da práctica deportiva é motivo dunha estratexia integral do Goberno galego desde o primeiro día, unha meta que alcanza os distintos departamentos da Xunta e que ten a súa plasmación máis clara no Plan Galicia Saudable. Trátase, segundo dixo, “da nosa folla de ruta para, aliados co resto de administracións, convencer aos galegos dos beneficios do exercicio físico”. A este respecto, puxo en valor que este proxecto está a permitir dotar aos concellos de espazos e equipamentos nos que cidadáns poidan practicar o deporte de maneira accesible.

Corresponsables dos éxitos do deporte galego
Na súa intervención, o presidente da Xunta asegurou que os 37 galardoados hoxe coas Distincións ao Mérito Deportivo son “corresponsables da grandeza dos éxitos do deporte galego”, e engadiu que co seu traballo espallan “a semente que hoxe recollemos en forma de colleita de excelencia do deporte galego”.

Alberto Núñez Feijóo destacou que “en Galicia sempre podemos sentirnos cómodos falando de deporte”, porque mesmo nesta semana “aciaga” para o fútbol galego, vivimos tamén celebracións de novas xestas en distintas disciplinas, como a culminación da mellor tempada da historia do club de baloncesto Obradoiro ou o “dobrete” do equipo feminino do Club Burela de Fútbol Sala.

Destacou que “o deporte é un feito inherente á nosa sociedade”, no que temos “un surtidor permanente de satisfaccións”, como as que nos deixaron as 5 medallas con “acento galego” nos Xogos Olímpicos e as 6 dos Xogos Paralímpicos de Londres do pasado verán.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar