«Orinoco»: abre no Gaiás unha das exposicións máis importantes do mundo

Xesús Vázquez inaugura "Orinoco".
Xesús Vázquez inaugura «Orinoco».

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe na Cidade da Cultura de Galicia a exposición Orinoco. Viaxe a un mundo perdido, unha das mostras de arte étnica latinoamericana máis importantes do mundo que constitúe unha homenaxe excepcional á tradición cultural e ao patrimonio material das doce etnias que habitan o Amazonas venezolano.

Tras trece anos percorrendo algunhas das institucións culturais máis importantes de Europa e recibir máis de sete millóns de visitantes, a colección Orinoco exporanse ata o 12 de xaneiro de 2014 no Museo Centro Gaiás, sendo o primeiro centro de España e Portugal en exhibir esta mostra pertencente á prestixiosa Fundación Cisneros de Venezuela. Asemade, será a primeira vez que se expoña a práctica totalidade desta colección, un total de 1.135 pezas coas que mostrar o hábitat e a forma de vida nas proximidades do terceiro río máis caudaloso do planeta, o Orinoco.

Esta exposición tamén establece un diálogo coa tradición fluvial galega a través dunha pequena mostra etnográfica da nosa Comunidade, na que se dá conta da vida arredor dos ríos con pezas procedentes de institucións e coleccións de Galicia que amosan a tradición da pesca e a navegación nos nosos ríos.

ESTREITAR LAZOS

Durante o acto de inauguración, o conselleiro de Cultura e Educación, mostrou o seu agradecemento aos responsables da Fundación Cisneros, Patricia Phelps e o seu marido Gustavo A. Cisneros, “os que non dubidaron en apostar por un museo que está a dar os seus primeiros pasos e ver na Cidade da Cultura un espazo no que promover en España a cultura latinoamericana”.

Neste sentido, Vázquez Abad mostrouse partidario de continuar estreitando lazos con Latinoamérica a través da Cidade da Cultura. O conselleiro asegurou que esta exposición permitiranos “coñecer a íntima convivencia coa natureza destas comunidades que, durante séculos, desenvolveron modos de vida baseados no principio de tomar da natureza o que dela precisan e devolverlle á natureza o que dela tomaron”.

Orinoco_inauguración 2

Finalmente, o representante de Cultura e Educación afirmou que a exposición Orinoco. Viaxe a un mundo perdido tamén nos servirá que “tomemos conciencia da necesidade que temos de protexer a diversidade biolóxica e o respecto a sostenibilidade dos nosos recursos”.

PERSONALIDADES DA ARTE

A inauguración desta mostra contou coa presenza da mecenas venezolana Patricia Phelps e o seu marido Gustavo A. Cisneros; a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; a conselleira de Facenda, Elena Muñoz; a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato; a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera; o presidente do padroado da Fundación Gaiás, Juan Manuel Urgoiti; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; e varios responsables dos departamentos de Cultura de varias comunidades autónomas.

Xunto a eles estiveron tamén destacadas personalidades do mundo da arte, como Gabriel Pérez Barreiro, director da Colección Patricia Phelps de Cisneros; Jay Levenson, director de Programas Internacionais do MoMA; Manuel Borja-Villel, director do Museo Central Nacional de Arte Reina Sofía; Plácido Arango, ex presidente do Padroado do Museo del Prado; Leopoldo Rodés, presidente do Padrodado do MACBA, xunto a Ainhoa Grandes, directora da Fundación do MACBA; ou a recoñecida escultora Cristina Iglesias, premio Nacional de artes plásticas.

Viaxe ao mundo perdido
Esta nova exposición do Museo Centro Gaiás convida a aventurarse nunha das rexións máis salvaxes, inaccesibles e máxicas do planeta para descubrir a vida e a cultura das doce etnias que habitan a conca do terceiro río máis caudaloso da terra, o mesmo que fascinou a escritores como Julio Verne, Arthur Conan Doyle e a científicos como Alexander Humboldt.

Orinoco. Viaxe a un mundo perdido propón unha inmersión no chamado ‘Mundo Perdido’, un lugar protexido e cálido no corazón da selva amazónica, onde apenas o un por cento da luz solar logra alcanzar o chan ao mediodía pero no que o ser humano atopou hai doce mil anos un acolledor fogar onde atopar todo o necesario para vivir. Un canto á natureza virxe e ao respecto polo medio natural e un recoñecemento ás culturas tradicionais e a súa supervivencia respectuosa coa contorna.

Material visual e didáctico
O visitante introdúcese na selva amazónica, un percorrido por sendeiros cheos de mitos, maxia e sortilexios, a través das 1.135 pezas das tribus De’áruwa (Piaroa), Ye’kuana, Yanomami, Híwi (Guahibo), E’ñepa (Panare), Wakuénai (Curripaco), Baniva, Baré, Puinave, Warekena, Tsase (Píapoco) e Hoti; recompiladas durante máis de trinta anos de exploracións da familia Cisneros ao corazón da selva venezolana.

Un percorrido que se completa con música cerimonial de catro das etnias do Orinoco e 120 impactantes fotografías das coleccións de Edgardo González Niño e Charles Brewer-Carías. Ao discurso expositivo engádense cinco pezas documentais e unha sección multimedia a través da web www.orinoco.org, un novidoso website educativo con importantes recursos visuais e didácticos.

Do mesmo xeito, o Museo Centro Gaiás acollerá ao longo dos vindeiros meses un completo programa lúdico e didáctico pensado para todos os públicos pero especialmente para os máis pequenos, co que facer do museo un lugar para aprender divertíndose. Visitas especializadas, xogos, obradoiros, cine, contos, actividades gastronómicas, etc. Toda esta programación contará cun espazo propio no que os nenos serán protagonistas, o Campamento Tepuy.

Sete ambientes nos tres andares do Museo
Máscaras, cestería, adornos corporais, instrumentos musicais, plumarios, canoas, remos e instrumentos de pesca, obxectos de uso cotián e máxico-relixiosos distribúense polas tres plantas do Museo Centro Gaiás agrupados en sete ambientes diferenciados: obxectos rituais, instrumentos musicais e xoias no primeiro andar; cestaría e navegación e pesca no segundo; e obxectos utilitarios e armas no terceiro.

O público iníciase no ‘mundo perdido’ a través do mundo máxico-relixioso e unha sabedoría ancestral das diferentes etnias a través de obxectos rituais como bancos cerimoniais, xoias, adobíos e debuxos corporais, instrumentos musicais saídos da natureza e toda clase de ritos personificados na figura do xamán.

Orinoco. Viaxe a un mundo perdido ofrece unha aproximación coidadosa aos obxectos da cultura material indíxena, onde a natureza xoga un papel clave, como os diferentes tipos de cestas usados polas etnias ou recursos fluviais como as súas embarcacións cos seus respectivos canaletes ou remos e hábiles técnicas de pesca, con utensilios como nasas ou petacas.

A última das paradas pola selva venezolana será a través dos diferentes tipos de obxectos que empregan no seu día a día: útiles agrícolas, instrumentos de pesca, enseres domésticos como vasillas ou chinchorros, prendas ou brazaletes e mesmo as vivendas multifamiliares que constrúen sen requirir un só cravo.

Xentes entre ríos
Esta exposición inclúe unha pequena mostra etnográfica de Galicia coordinada polo historiador, museólogo e museógrafo Alejandro de Arce, explicando a vida arredor dos ríos con pezas procedentes de institucións e coleccións da nosa comunidade que mostrarán a tradición da pesca e a navegación. A través desta sección sobre a tradición fluvial buscaranse os nexos entre Galicia e Latinoamérica, seguindo a liña de conexión con outras culturas, tal e como se fixo en Gallaecia Petrea con Portugal.

Canoas e barcas tradicionais creadas para facilitar a comunicación e a actividade comercial, artes de pesca tradicionais coas que aproveitar os recursos naturais ou elementos da arquitectura pesqueira como as pesqueiras e os caneiros ofreceranlle ao visitante un pequeno esbozo da cultura material e a tradición das xentes que conviviron durante xeracións cos ríos galegos.

Primeira semana de balde
A entrada para o público será de balde a primeira semana –desde hoxe, luns 27 de maio, a partir das 16:00 horas ata o domingo 2 de xuño- co fin de achegarlle a cidadanía a maxia dun dos territorios máis salvaxes e innacesibles do planeta.

Orinoco. Viaxe a un mundo perdido poderá visitarse ata o 12 de xaneiro de 2014 no Museo Centro Gaiás de martes a domingo en horario continuado: de 11 a 20 horas. A entrada xeral terá un custo de catro euros, con entrada reducida de dous euros para estudantes, familias numerosas, carné xoven, discapacitados e grupos de máis de vinte persoas.

Tal e como se fixo con Gallaecia Petrea, esta nova mostra da Cidade da Cultura opta por seguir unha fórmula mixta de financiamento, polo que os menores de 18 anos, xubilados e desempregados terán entrada de balde e os mércores será o día de portas abertas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar