1.368 vítimas de violencia de xénero en 2011 en Galicia

   Galicia tivo constancia ao longo de 2011 dun total de 1.368 vítimas de violencia de xénero inscritas no Rexistro Central para a Protección de Vítimas de Violencia Doméstica e de Xénero, o que supón 105,3 vítimas por cada 100.000 mulleres maiores de 14 anos residentes na Comunidade, a segunda menor taxa de España.

   Así reflícteo a Estatística de Violencia Doméstica e Violencia de Xénero realizada por primeira vez e feita pública este luns polo Instituto Nacional de Estatística (INE) con datos deste organismo e do Ministerio de Xustiza. Enténdese por violencia de xénero todo acto de violencia física ou psicolóxica que se exerza contra unha muller por parte do home que sexa ou fora o seu cónxuxe ou a súa parella.

Neste sentido, das 32.242 mulleres vítimas de violencia de xénero rexistradas en toda España, 1.368 residían en Galicia. A taxa a nivel estatal é de 155,7 vítimas por cada 100.000 mulleres maiores de 14 anos, mentres que en Galicia este indicador se sitúa en 105,3, unicamente por enriba do País Vasco, con 67,4 vítimas por cada 100.000 mulleres residentes.

Por outra banda, durante o ano 2011 denunciouse en Galicia a 1.370 homes por delitos de violencia de xénero, o que supón unha taxa de 114,8 denunciados por cada 100.000 habitantes maiores de 14 anos, por enriba de País Vasco –72,4– e Cataluña –112,1–, e por debaixo da media nacional – -161,5 denunciados por cada 100.000 habitantes–.

VIOLENCIA DOMÉSTICA

Por outra banda, durante 2011 rexistráronse en Galicia 16,5 vítimas de violencia doméstica por cada 100.000 habitantes, unha cifra levemente por enriba da media nacional –de 16,4 vítimas por cada 100.000 habitantes–.

Destas vítimas a maior taxa corresponde ás mulleres. Así, foron afectadas pola violencia doméstica 20,5 mulleres por cada 100.000 féminas residentes en Galicia e 12,3 homes por cada 100.000 habitantes masculinos.

No relativo aos denunciados, a taxa sitúase nas 14,2 persoas denunciadas por cada 100.000 habitantes –22,6 por cada 100.000 homes e 6,4 por cada 100.000 mulleres–.

A estatística entende a violencia doméstica como todo acto de violencia física ou psicolóxica exercido tanto por un home coma por unha muller sobre descendentes, ascendentes, cónxuxes ou irmáns. Desta definición exclúense os casos de violencia de xénero.

TOTAL ESPAÑA

Segundo os datos do INE, o total de persoas rexistradas como vítimas de violencia de xénero ou de violencia doméstica en 2011 foi de 40.362, das que 37.292 eran mulleres e 3.070 homes.

En 2011 rexistráronse 32.242 vítimas de violencia de xénero (mulleres) nos asuntos nos que se ditaran medidas preventivas. Por grupos de idade, máis da metade das vítimas de violencia de xénero (o 50,8%) tiñan entre 25 e 39 anos.

As taxas de vítimas en relación coa poboación total de mulleres alcanzaron o seu máximo no tramo de idade de 20 a 24 anos (320,3 vítimas por cada 100.000 mulleres de 14 e máis anos), seguido do intervalo entre 25 e 29 anos (314,8).

As comunidades autónomas nas que se rexistrou un maior número de vítimas de violencia de xénero foron Andalucía (7.780), Comunitat Valenciana (4.438), Comunidade de Madrid (4.095) e Cataluña (3.552).

En termos relativos, Andalucía (214,3 vítimas por cada 100.000 mulleres de 14 e máis anos), Rexión de Murcia (211,1) e Comunitat Valenciana (199,3) presentaron as taxas máis altas. Pola contra, País Vasco (67,4) e Galicia (105,3) foron as comunidades con menores taxas de vítimas.

No ano 2011 houbo 32.142 homes denunciados por violencia de xénero nos asuntos con medidas preventivas ditadas inscritos no Rexistro ao longo do ano. O 63,8% dos denunciados concentráronse nas idades de 25 a 44 anos. En termos relativos (taxas por cada 100.000 homes de 14 e máis anos) as taxas máis altas de denunciados corresponderon a eses mesmos grupos de idade.

MEDIDAS PREVENTIVAS

O total de medidas preventivas ditadas e inscritas no Rexistro en asuntos de violencia de xénero durante 2011 foi de 98.159. Atendendo á natureza das medidas, o 75,8% foron de carácter penal e o 24,2% de carácter civil.

As medidas preventivas penais máis frecuentes foron a prohibición de aproximarse a determinadas persoas (35,3% do total de medidas penais), a prohibición de comunicarse con determinadas persoas (32,0%) e a liberdade provisional (14,9%).

En canto á violencia doméstica, das 7.744 vítimas en asuntos de violencia doméstica, o 63,0% foron mulleres e o 37,0% homes. Ademais un total de 376 persoas figuran como denunciadas e vítimas á vez.

O número total de vítimas de violencia doméstica en España foi maior que o de persoas denunciadas, cunha relación de 1,4 vítimas por cada persoa denunciada.

As comunidades autónomas nas que se rexistraron as maiores taxas de vítimas (por cada 100.000 habitantes) de violencia doméstica foron, no caso dos homes Cantabria (18,6), Principado de Asturias (15,4) e Andalucía (15,3).

No caso das mulleres, as maiores taxas déronse na cidade autónoma de Melilla (34,0), Andalucía (26,8) e Cantabria (26,1). Pola contra, Illes Balears (7,2) e Melilla (7,5) foron as comunidades con menores taxas de vítimas no caso dos homes, e Aragón (11,6) e Illes Balears (14,2), no caso das mulleres.

Do total de 5.632 persoas denunciadas en asuntos de violencia doméstica, o 76,2% foron homes e o 23,8% mulleres. Por idade, tres de cada catro persoas denunciadas tiñan menos de 45 anos.

As comunidades autónomas nas que se rexistraron as maiores taxas (por cada 100.000 persoas de 14 e máis anos) de persoas denunciadas por violencia doméstica foron Melilla (37,6), Andalucía (29,0), Cantabria e Rexión de Murcia (27,4 en ambas as dúas) no caso dos homes, e no caso das mulleres, Melilla (16,5) e Ceuta (9,3) e Comunitat Valenciana (8,6).

Pola contra, Aragón, Comunidade de Madrid e Illes Balears foron as comunidades con menores taxas de persoas denunciadas, tanto en homes coma de mulleres.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar