A conselleira Mato anuncia en Padrón un plan de mellora do emprego para discapacitados

Mato_traballo discapacidade Dia da Once Padrón

O Goberno galego investirá este ano máis de 82 millóns de euros no eido social e laboral da discapacidade. En programas de apoio ao emprego serán ao redor de 17 millóns de euros, segundo destacou hoxe en Padrón a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, quen inaugurou os actos do XX aniversario do Día da Once en Galicia.

Na inauguración desta xornada, Mato resaltou que para a integración das persoas máis vulnerables “non hai mellor ferramenta que o emprego”. Neste senso, indicou que os 17 millóns de euros investiranse, entre outros, en apoio á contratación na empresa ordinaria; o mantemento dos centros especiais de emprego; e o fomento do emprego autónomo.

No eido social, dedicáranse máis de 66 millóns de euros á atención social á discapacidade, unha cifra que inclúe diversos conceptos como concertos de prazas, mantemento de prazas públicas, transporte ou apoio a entidades. Con respecto a este último aspecto, a titular de Traballo e Benestar indicou que o departamento autonómico blinda a partida destinada aos colectivos que traballan coas persoas con discapacidade. Deste feito, contarán con 3 millóns de euros para financiar os seus programas. “Ademais acadaremos a máxima eficiencia no reparto, distribuíndo os recursos de acordo coa porcentaxe real da poboación con discapacidade de Galicia”, subliñou.

Así mesmo, a conselleira referiuse á mellora da Lei de Accesibilidade que está a desenvolver o Goberno galego. “A nova normativa, que temos previsto levar ao Parlamento ao longo deste ano, favorece unha visión máis ampla da accesibilidade, que vai más alá do urbanismo e da edificación, regulando outras barreiras que limitan a igualdade de oportunidades, como as de comunicación ou de acceso as tecnoloxías”, apuntou. Trátase, polo tanto, dun texto legal que, segundo matizou Mato, “camiña cara unha verdadeira accesibilidade universal”.

Por último, a titular de Traballo e Benestar destacou o labor que desenvolve a ONCE, unha institución que este ano celebra o seu 75 aniversario e o primeiro cuarto de século da súa Fundación. “Trátase dunha entidade pioneira na loita pola integración e na aposta polo benestar das persoas con discapacidade e as súas familias, un traballo que leva facendo desde antes de que existira o mesmo concepto do Estado de Benestar”, apuntou Mato. Por iso, concluíu afirmando que ao longo de sete décadas, “a Once ten logrado converterse nun referente imprescindible para a nosa sociedade e para todos os que traballamos no eido dos servizos sociais”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar