Os «Pontevedreses do Ano» recibiron a suas distincións

Feijióo_Pontevedreses do Ano

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expresou hoxe o seu convencemento de que “o futuro de Pontevedra será exactamente o que a cidade queira, porque existen na capital do Lérez conciencia crítica e sentido cívico dabondo para descartar imposicións e agardar o triunfo da maioría”. O xefe do Goberno galego fixo esta afirmación durante o acto de entrega dos premios ‘Pontevedreses do Ano’, que concede o Diario de Pontevedra.

O mandatario galego resaltou que este xornal pon á disposición dos pontevedreses “un instrumento para asomarse ao mundo e para expresar o xeito en que quere ser cidade”. Trátase, abondou, “dunha plataforma para exercer o dereito á información e á liberdade de expresión, ferramentas básicas para un pobo que xa demostrou a súa vontade de ser dono do seu destino”.

Na súa intervención, Alberto Núñez Feijóo reivindicou a “vixencia presente” do papel dos xornais como forxadores de “persoas cultas, responsables e críticas” e subliñou que os diarios “fornecen aos membros da comunidade dos recursos necesarios para seren algo máis que meros habitantes, para converterse en cidadáns”.

Insistiu o presidente da Xunta na necesidade do xornal como “filtro imprescindible para interpretar a realidade” nun momento marcado pola proliferación de información “a ritmos e en volumes vertixinosos” e no que a sociedade “demanda, máis que nunca, explicacións de canto acontece na vida pública”. Ademais, puxo en valor as fondas raíces do “xornalismo de proximidade” en Galicia, onde a prensa local constitúe un auténtico factor de “vertebración”.

SEIS EXEMPLOS DE «FACER GALICIA»

O titular da Xunta presentou aos galardoados como ‘Pontevedreses do Ano’ como “seis exemplos do que significa facer cidade e facer Galicia”, responsales dun traballo, individual ou colectivo, pero “sempre orientado a resultados que redundan no beneficio da sociedade no seu conxunto”.

Referiuse así ao labor a prol da infancia da Fundación Meniños, da que dixo que “ao protexer aos nenos, non só se ocupa dos máis vulnerables”, senón que tamén “pon pedras para a construción do futuro”.

Feijóo considerou tamén merecedora da distinción á editorial Kalandraka, “que tanto ten que ver co posicionamento desta Comunidade como unha referencia nacional e internacional en produción e edición de literatura infantil”. Lembrou que a “excelencia da súa factoría está avalada polos máis prestixiosos galardóns” e sinalou a súa estratexia empresarial, fortemente orientada ao exterior, como “referente do camiño que conduce ao éxito”.

Así mesmo, puxo en valor traxectoria do historiador Xosé Fortes Bouzán, “titular dunha peripecia vital fortemente marcada pola defensa dos valores democráticos”, e subliñou o seu traballo a prol da divulgación do coñecemento a todos os niveis da sociedade.

Sobre o primeiro satélite artificial de Galicia, o XaTcobeo, que definiu como “o gran fito da historia recente de Galicia”, creado na Universidade de Vigo, o presidente da Xunta asegurou que “puxo en órbita algo máis ca un satélite, tamén a autoestima científica dun país con frecuencia demasiado lastrada por tópicos perniciosos”.

Segundo Feijóo, tamén contribúen á autoestima colectiva os éxitos deportivos da Sociedade Deportiva Teucro, “un emblema da cidade de Pontevedra” que pode presumir, dixo, “do respaldo da súa afección e de prover ao resto de España dalgúns dos mellores xogadores de balonmán do país”.

Referiuse finalmente o titular da Xunta ao distinguido como ‘Pontevedrés de Honra’, Alfonso Zulueta de Haz, a quen presentou como un traballador infatigable que se mantén “como un intelectual comprometido á fronte da Fundación Penzol e da Fundación Sálvora”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar