Apoio da Deputación provincial á 46 edición do Rally de Ourense

Baltar_De la Rua_Rallye Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Escudería Ourense, Adolfo Rodríguez de la Rúa, asinaron esta mañá un convenio de colaboración mediante o cal a institución provincial achega un total de 30.000 euros para o financiamento da organización desta proba automobilística, unha das máis importantes do calendario nacional, que chega este ano á súa 46 edición e que se desenvolverá os días 14 e 15 de xuño cun percorrido total de 487 quilómetros, dos cales 206 quilómetros serán de tramos cronometrados.

Manuel Baltar, quen se reuniu con Rodríguez de la Rúa e membros da Escudería Ourense e da organización do rally, destacou que esta é unha das tres achegas singularizadas do orzamento de 2013 que, pola importancia do evento, a Deputación de Ourense realiza no eido deportivo; as outras dúas teñen como destinatarios o Club Ourense Baloncesto e o Club Deportivo Ourense. No caso do Rally de Ourense “coa súa traxectoria como unha das grandes probas do mundo do motor, ten un máis que contrastado retorno económico para a cidade e para a provincia de Ourense. Por iso e polo que supón de promoción da nosa provincia e do deporte, a Deputación quere amosar o seu apoio a esta proba e felicitar a todos os que ao longo de tantos anos fixeron posible que o Rallye de Ourense sexa un evento tan exitoso”, afirmou o presidente provincial.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar