A Xunta reitera que «tomará decisións» sobre Pescanova cando se coñeza a situación real

Alfonso Rueda_declaracións

 

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, volveu deixar claro este venres que o Goberno autonómico tomará «decisións» sobre Pescanova, pero que estas chegarán unha vez se coñeza «a situación real» da empresa.

Preguntado polos xornalistas antes de inaugurar unha xornada de mulleres directivas, Rueda subliñou que os administradores concursais «aínda non conseguiron recompilar todos os datos», que «son os que teñen que facer esa tarefa».

«Nós, apoiaremos no que poidamos. E cando se coñeza a situación real, a partir de aí, tomaremos as decisións», resolveu, incidindo en que «agora mesmo» o procedemento xudicial aínda «non está completado».

Así as cousas, o que celebrou o tamén conselleiro de Presidencia é «a celeridade» con que se designaron os administradores e expresou o seu desexo de que «poidan facer o seu traballo o mellor posible».
QUE «SIGA SENDO VIABLE»

En canto á imputación do xa expresidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa-Faro, Rueda expresou o seu «respecto» polas decisións xudiciais e pola «presunción de inocencia de todo o mundo» e defendeu «o dereito a defenderse».

E é que o xuíz da Audiencia Nacional Pablo Ruz imputou a Fernández de Sousa-Faro, a outros tres directivos da entidade e ao grupo alimentario como persoa xurídica por falsear as súas contas anuais e utilizar información relevante.

Deixando isto a un lado, o vicepresidente do Executivo galego centrouse en que a compañía «ten que seguir sendo viable» e na importancia de facer «esforzos» para logralo. «Todos teñen que facer os esforzos para que así sexa», concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar