Aposta polas enerxías renovables

Feijoo_Santo Estébo_Iberdrola

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apostou hoxe por crear un marco normativo “estable e razoable” que favoreza as enerxías renovables eficientes en lugares que, como Galicia, teñen demostrado que contan con condicións óptimas para desenvolverse.

“Estamos traballando nisto e me consta que a pesar das dificultades que se atopou o Goberno central cunhas débedas millonarias polo déficit tarifario no ano 2011 non podemos en ningún caso esquecer que é necesario un marco estable e razoable para poder seguir investindo no ámbito da enerxía. É necesario seguir favorecendo as enerxías renovables eficientes”, destacou durante unha visita ás instalacións da Central Hidroeléctrica de Santo Estevo II.

O responsable autonómico destacou que Galicia é unha referencia en tres recursos naturais: vento, auga e masa forestal, e garantiu o traballo da Xunta para que así siga sendo. E, neste sentido, lembrou que o Goberno galego ten posto en marcha unha folla de ruta para manter o liderado enerxético de Galicia.

“Temos o compromiso de intensificar cada vez máis a aposta polas enerxías renovables, co obxectivo de que o 95% da electricidade se produza a través destas fontes en 2015. E temos en marcha o Plan Enerxético Estratéxico de Galicia 2010-2015, co triplo obxectivo de: propiciar o aforro e a eficiencia enerxética en todos os sectores; lograr un maior aproveitamento do petróleo de Galicia que é o vento, a auga e a biomasa; e apostar polo desenvolvemento a través da innovación no eido enerxético”, explicou.

Nesta liña, subliñou que en 2011, o 53% da enerxía eléctrica producida en Galicia procedía de tecnoloxías renovables; e que Galicia é a terceira comunidade produtora de enerxía só por detrás de Cataluña e Castela e León. E se eliminamos a enerxía nuclear, Galicia sería a segunda comunidade, só por detrás de Castela e León.

Así mesmo, a Comunidade galega foi a única que non importou enerxía eléctrica. En 2012, produciu máis do 13% da enerxía renovable do réxime especial que se vendeu en España. E é a segunda comunidade produtora de enerxía hidráulica e en 2011 produciu o 20% da enerxía producida en España a través de recursos hídricos.

Diante destas cifras, Feijóo garantiu o compromiso de seguir traballando para que Galicia manteña o liderado. E, ao fío disto, subliñou que falar de proxectos como este de Santo Estevo II significa: falar de emprego, xa que durante a construción creáronse 300 empregos; falar de riqueza, con máis de 127 millóns de euros investidos; falar de innovación, ao tratarse dun dos proxectos de enxeñaría máis relevantes dos últimos anos en España, no cal traballaron 60 empresas galegas; e falar de confianza, “e de confianza en Galicia, como demostran os máis de 1.100 millóns de euros que Iberdrola ten investido en Galicia nos últimos anos”.

Amais de aforrar a emisión de 440.000 toneladas anuais de CO2, esta obra ten minimizado o impacto visual nunha zona de gran valor paisaxístico e medioambiental como son os Canóns do Sil, xa que as novas instalacións están soterradas a 100 metros de profundidade e utilizouse un 95% de madeira certificada. Así mesmo, a construción da caverna de Santo Estevo II supuxo a extracción de 135.000 m³ de granito que se destinaron ao recheo do oco da vella canteira que se utilizou nos anos 50 para construír a presa e que será repoboado con arboredo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar