A nova organización do servizo de emerxencias chega a Lugo

O vicepresidente Rueda e o titular da Deputación de Lugo, Besteiro.
O vicepresidente Rueda e o titular da Deputación de Lugo, Besteiro.

Xunta, Deputación de Lugo e Fegamp asinaron hoxe o convenio de colaboración para o despregamento dos Grupos de emerxencia supramunicipais (GES) na provincia de Lugo, uns efectivos cos que se completa a redefinición do mapa de emerxencias galego, cubrindo a totalidade do territorio da provincia nunha distribución máis racional de recursos.

Asinaron o convenio o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o presidente da Deputación lucense, José Ramón Gómez Besteiro, e o vicepresidente da Fegamp, Alfonso Villares. A continuación, iniciarase o proceso de selección de persoal por parte dos concellos sede, e a formación que dará a Agasp nos distintos parques de bombeiros comarcais da provincia de Lugo. O obxectivo é que os GES estean plenamente operativos este mesmo verán.

Os novos grupos de emerxencias estarán compostos na súa maioría por 12 efectivos, estarán situados estratexicamente en 8 localidades da provincia e contarán cunha estrutura máis profesionalizada e de carácter permanente. Ao ter carácter supramunicipal, estes grupos complementarán as redes de bombeiros, tanto municipais como comarcais, nunha malla de xestión das emerxencias ás que tamén hai que sumar Protección Civil.

O novo mapa de emerxencias quedará formado, deste xeito, por 7 grupos supramunicipais (A Fonsagrada, Guitiriz, Becerreá, A Pontenova, Quiroga/Folgoso, Monterroso e Cervo), seis parques comarcais de bombeiros –Viveiro, Barreiros, Vilalba, Sarria, Chantada e Monforte de Lemos- e polo parque municipal da cidade de Lugo.

Cobertura supramunicipal
As sedes dos grupos de emerxencia darán servizo a varios municipios. Deste xeito, A Fonsagrada dará cobertura ás comarcas de A Fonsagrada e Meira; Guitiriz á Terra Chá;Becerreá á zona dos Ancares; Lugo e Sarria; A Pontenova á Mariña Central e Oriental; Quiroga e Folgoso á zona de Quiroga e Terra de Lemos; Monterroso ás zonas da Ulloan, Lugo e Chantada; e Cervo á Mariña Central e Occidental.

Finalmente, a rede de seguridade galega complementarase coas agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e co resto de corpos que colaboran nas emerxencias, como Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica, servizos sanitarios e demais efectivos, todos eles coordinados dende o 112.

O custe anual dos grupos para toda Galicia superará os 18 millóns de euros, e será financiado pola Xunta de Galicia 60%, as deputacións provinciais 20%, e concellos o 20%, destacando a necesidade de colaboración e esforzo de todas as administracións co obxectivo de dar un servizo a todos os veciños e veciñas da nosa comunidade.

Unha auténtica malla de seguridade
A distribución dos grupos, que foi consensuada entre Xunta, Deputacións provinciais e Fegamp, tivo en conta criterios obxectivos para dar a mellor resposta ante as emerxencias, entre os que se atopan a poboación atendida, a localización en zonas con riscos potenciais ou a existencia de medios e recursos municipais na actualidade que se poidan aproveitar. Evitando ademais duplicidades, de tal xeito que ningún grupo de emerxencias se instale alí onde xa haxa un parque de bombeiros, tal e como se establece no Pacto Local.

O obxectivo da posta en funcionamento destes novos Grupos de Emerxencias Supramunicipais é crear unha auténtica malla que cubra todo o territorio e ofreza unha resposta áxil e eficaz aos cidadáns galegos ante calquera incidencia. Un modelo que non sería posible sen a colaboración entre as distintas administracións, non só entre a autonómica, as Deputacións e os concellos; senón tamén entre os propios concellos, que, na liña impulsada pola Xunta, cooperarán para ofrecer un servizo de resposta ante as emerxencias áxil, eficaz e profesional.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar