Xunta, Deputación de Ourense e Fegamp poñen en marcha seis grupos de emerxencias

Baltar_Rueda_presidente Fegamp_Deputación Ourense

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar e o presidente da Fegamp, José Manuel Rey asinaron hoxe o convenio de colaboración que pon en marcha os novos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), que actuarán na provincia de Ourense e que veñen a completar a redefinición do mapa de emerxencias galego, cubrindo a totalidade do territorio da provincia nunha distribución máis racional de recursos.

Os novos grupos de emerxencias estarán compostos por 12 efectivos, situaranse estratexicamente en 7 localidades da provincia e contarán cunha estrutura máis profesionalizada e de carácter permanente. Ao ter carácter supramunicipal, estes grupos complementarán as redes de bombeiros, tanto municipais como comarcais, nunha malla de xestión das emerxencias ás que tamén hai que sumar Protección Civil.

O novo mapa de emerxencias quedará formado, deste xeito, por estes 6 Grupos Supramunicipais (Castro Caldelas, A Gudiña, Baños de Molgas, Lobios/Muíños, Rivadavia/Avión e O Barco de Valdeorras), polos 4 parques comarcais de bombeiros cos que contará Ourense -unha vez entre a funcionar o parque de Carballiño- e polo parque municipal de Ourense, ao que se lle suma o servizo de bombeiros de Celanova, xa existente, que será reforzado mediante un convenio entre a Xunta, a Deputación e os concellos que cubrirá.

COBERTURA SUPRAMUNICIPAL

As sedes dos grupos de emerxencia darán servizo a varios municipios. Deste xeito, Castro Caldelas dará cobertura ás comarcas de Terra de Caldelas, Terra de Trives e Ourense; A Gudiña a Viana e Verín; Baños de Molgas a Allariz-Maceda, A Limia e a zona máis occidental deOurense; Lobios cubrirá á Baixa Limia; Ribadavia/Avión á comarca do Ribeiro e O Barco a todo Valdeorras. Celanova, grazas a súa potenciación, atenderá aos concellos de Cartelle, Gomesende, A Merca, Quintela de Leirado, Ramirás, Verea, Pontedeva e A Bola.

Finalmente, a rede de seguridade galega complementarase coas agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e co resto de corpos que colaboran nas emerxencias, como Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica, servizos sanitarios e demais efectivos, todos eles coordinados dende o 112.

O custe anual dos grupos para toda Galicia superará os 18 millóns de euros, e será financiado pola Xunta de Galicia 60%, as deputacións provinciais 20%, e concellos o 20%, destacando a necesidade de colaboración e esforzo de todas as administracións co obxectivo de dar un servizo a todos os veciños e veciñas da nosa comunidade.

MALLA DE SEGURIDADE

A distribución dos grupos, que foi consensuada entre Xunta, Deputacións provinciais e Fegamp, tivo en conta criterios obxectivos para dar a mellor resposta ante as emerxencias, entre os que se atopan a poboación atendida, a localización en zonas con riscos potenciais ou a existencia de medios e recursos municipais na actualidade que se poidan aproveitar, explicou Santiago Villanueva. Evitando ademais duplicidades, de tal xeito que ningún grupo de emerxencias se instale alí onde xa haxa un parque de bombeiros, tal e como se establece no Pacto Local.

O obxectivo da posta en funcionamento destes novos Grupos de Emerxencias Supramunicipais é “crear unha auténtica malla que cubra todo o territorio e ofreza unha resposta áxil e eficaz aos cidadáns galegos ante calquera incidencia”. Un modelo que, segundo destacou o director xeral de Emerxencias, non sería posible sen a colaboración entre as distintas administracións, non só entre a autonómica, as Deputacións e os concellos; senón tamén entre os propios concellos, que, na liña impulsada pola Xunta, cooperarán para ofrecer un servizo de resposta ante as emerxencias áxil, eficaz e profesional.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar