PP, PSOE e BNG pactan un acordo contra comidas e copas

Ourense_conflictivo pleno municipal

O PP, PSOE e BNG no Concello de Ourense alcanzaron un acordo de mínimos para evitar as comidas privadas e as bebidas alcohólicas, agás nas festas tradicionais, das asignacións aos grupos políticos con cargo aos fondos da Casa do Concello.

Non obstante, Democracia Ourensana desmarcouse do acordo alcanzado polas outras tres formacións políticas da corporación municipal porque os seus argumentos parécelles do «camarote dos Irmáns Marx».

O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, convocou este luns no seu despacho de Alcaldía a Xunta de Voceiros para marcar os criterios das asignacións aos partidos políticos tras a polémica polo gasto en festas, comidas e bebidas alcohólicas con cargo ao grupo municipal do PSOE. Na Xunta de Voceiros estiveron presentes o voceiro do PP, Rosendo Fernández; o voceiro do BNG, Xosé Somoza; e o voceiro de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome.

A reunión desenvolveuse durante unha hora e media no despacho de Alcaldía e lográronse algúns «acordos mínimos» entre populares, socialistas e nacionalistas na asignación aos grupos políticos.

O rexedor manifestou que se chegou a un acordo sobre «incorporar á páxina web a contabilidade dos grupos» e, nese sentido, «a contabilidade de 2012 e trimestralmente».

Agustín Fernández sinalou que no acordo alcanzado con PP e BNG «se»exclúe calquera comida sen relevancia pública e se exclúe pagamento de alcohol e bebidas alcohólicas, salvo festas tradicionais como magostos» na asignación aos grupos políticos e, ademais, «os gastos impropios procederase a reintegralos para fins sociais».

O rexedor socialista mostrou o seu «respecto» pola postura de Democracia Ourensana de manterse á marxe deste acordo alcanzado.

Con respecto ás explicacións sobre o empréstito de 21.000 euros a un funcionario municipal, o alcalde sostivo que se «ofreceu» ao resto de grupos políticos a dar as explicacións e «tamén o afectado» para «aclaralo e que non quede ningunha dúbida».

OPOSICIÓN

O voceiro do PP no Concello de Ourense, Rosendo Fernández, sinalou que, tras o «escándalo» do grupo municipal do grupo de goberno quixeron «darlle unha solución» as asignacións aos grupos políticos con cargo ao Concello de Ourense.

Así mesmo, Rosendo Fernández apuntou que «con carácter trimestral» se «dará a coñecer a contabilidade dos grupos publicamente como xa o fixo o PP na páxina web» e pediulle ao resto de formacións que «o fagan xa».

Na súa intervención, manifestou que «se acordou a supresión total de bebidas alcohólicas e comidas privadas agás festas tradicionais» e ademais a «devolución de gastos impropios para fins sociais».

Para o dirixente popular, dende esta reunión «quedou claro o que se debe facer e alá cada un coa súa ética política» e aludiu ao empréstito de 21.000 euros a un funcionario municipal, que é «gasto impropio».

Pola súa banda, o voceiro do BNG no Concello de Ourense, Xosé Somoza, manifestou que mentres Democracia Ourensana indicou que gasta «no que lle dá a gana» o resto de forzas políticas alcanzaron un «acordo de mínimos» tras o «escándalo».

Somoza avogou por «revisar os conceptos e non asunción de gastos en comidas privadas e alcohol salvo festas tradicionais», así como «medidas de transparencia como publicar cada tres meses a contabilidade» do grupo municipal.

Na súa intervención, resaltou que o grupo de goberno procederá á «devolución do diñeiro» gastado en festas e alcohol «para fins sociais».

DEMOCRACIA ORENSANA

O partido Democracia Orensana, con dous representantes na corporación municipal ourensana, desmarcouse do acordo de mínimos alcanzado entre PP, PSOE e BNG. O voceiro desta formación política, Gonzalo Jácome, volveu pedir a «dimisión» do alcalde de Ourense porque «é algo patético o que aconteceu» cos gastos en marisco e alcohol con cargo ás arcas municipais.

Jácome avogou por unha «libre disposición do diñeiro» e os gastos «terán que publicarse na web para que o pobo estea informado e os cidadáns rexeiten ou non» nas próximas eleccións as actuacións dos diversos partidos políticos.

O voceiro desta formación política volveu insistir en que os gastos do grupo municipal estiveron «fose de lugar» e son «cutres» o que «demostran que son xestores pésimos porque se gastan así os do seu grupo municipal, como gastarán o dos cidadáns».

Gonzalo Jácome manifestou que, na reunión, o BNG «quería chegar a un acordo para suprimir o alcohol». «E eu dicíalle que pasará cos magostos», engadiu, para ao final alcanzar un acordo sobre «non bebidas de alta graduación», polo que «non se pode botar augardente ao café e tampouco a queimada», acusando os argumentos do «camarote dos irmáns Marx». Para o voceiro desta formación política, que se queira «implantar a lei seca» na actualidade é un «ridículo total».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar