As adegas amparadas por «Galicia Calidade» conseguen múltiples contactos en «Fenavin»

Galicia Calidade_logo

As nove adegas que contan con viños amparados por Galicia Calidade lograron unha exitosa participación na Feira Nacional do Viño, Finavin, celebrada en Ciudad Real entre o 7 e o 9 de maio, logrando múltiples contactos con compradores internacionais que posibilitarán a venda dos seus viños en países tan importantes comercialmente como China, Alemaña ou Estados Unidos.

Nun stand de 40 metros cadrados, Galicia Calidade contou con representación das cinco Denominacións de Orixe. En concreto, Adega dos Eidos, Adegas Tollodouro, Bodegas Pazo de Villarei, Castro Baroña e Vilarvín pertencen á D.O. Rías Baixas. Bodegas Ruchel que se atopa dentro da D.O. de Valdeorras; Bodegas Nairoa fai o propio na D.O. do Ribeiro; Gargalo que se atopa na D.O. Monterrei e, por último, a recentemente incorporada Regina Viarum, que se converteu na primeira adega da D.O. Ribeira Sacra en contar co distintivo de garantía autonómico.

Cun carácter marcadamente profesional desta feira, as adegas aproveitaron os seus tres días de duración para mostrar aos asistentes a calidade dos preto de 50 viños amparados, moitos deles premiados nos últimos concursos de cata tanto a nivel nacional como internacional.

Ademais, a sociedade pública tamén aproveitou o evento para dar a coñecer aos milleiros de asistentes os produtos e servizos amparados, non só do sector vinícola, que contan cunha calidade avalada polos controis e auditorías realizados. Na actualidade son 48 empresas que suman máis de 250 produtos e servizos amparados.

REFERENTE NO SECTOR VINÍCOLA

Fenavin, que cumpriu este ano a súa sétima edición, tense convertido na feira referente do sector vinícola dentro de España, apostanto pola súa profesionalización e dirixida a favorecer a interacción entre produtores e distribuidores con compradores, tanto nacionais coma internacionais. Nesta edición, máis de 1.200 adegas estiveron presentes no evento, cubrindo case a totalidade das D.O. de España.

Ao longo dos tres días asistiron a Fenavin un total de 77.643 personas, das que se acreditaron como profesionais 44.142, un 5% máis que na edición anterior. O número de compradores tamén sufriu un incremento chegando aos 12.830, dos que máis de 3.000 procedían do estranxeiro.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar