Mil mozos participan desde hoxe no encontro dixital Xuventude Galicia Net

Aspecto do anual encontro dixital en Santiago.
Aspecto do anual encontro dixital en Santiago.

Máis de 1.000 mozos participan dende este venres na XIV edición de Xuventude Galicia Net, o maior encontro informático que se celebra na comunidade galega e que ata o próximo domingo impulsará, no Pazo de Congresos de Santiago, a formación dos participantes para que adquiran os coñecementos necesarios para emprender en novas tecnoloxías.

«Estamos a dar unha volta importante a esta grande LAN-party cara ao tema da formación, coa incorporación de conferencias, charlas ou talleres orientados a que os mozos aproveiten o potencial das novas tecnoloxías para, ademais do seu desfrute, emprender e poñer en marcha empresas», explicou en declaracións aos medios de comunicación o director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro.

Con este obxectivo, Rodeiro detallou que os participantes poderán asistir ás conferencias de novos que tiveron éxito creando empresas, como o caso de Pau García Milá, un rapaz que comezou a emprender con 17 anos e na actualidade dirixe ‘eyeOS’, unha compañía de máis de 40 empregados que compite coas grandes multinacionais do sector tecnolóxico. Este mozo, que recibiu o Premio Nacional de Comunicacións en 2009, é tamén coideador e conselleiro da rede social Bananity.

Ao Xuventude Galicia Net 2013 tamén acudirá Bernardo Reynolds, product manager en ‘Tuenti’, que relatará a experiencia desta rede social e explicará como crear unha empresa de éxito de base tecnolóxica en España.

Así mesmo, os asistentes tamén poderán participar en charlas sobre ‘coaching’ e traballo en equipo, como a que ofrecerá Fernando Romay ou a talleres como o que imparte ‘Telsa Technologies’ baixo o título de ‘Como emprender creando xogos e outras moitas cousas frikis, con moita imaxinación e poucos recursos’.

Precisamente, este tipo de actividades son un dos motivos que máis atraen o público a esta cita pois, como indicou a Europa Press David López, «os exemplos de creadores de empresas de éxito a partir de practicamente nada son moi interesantes» e «dan boas ideas».
ACTIVIDADES

Ademais das experiencias sobre formación en novas tecnoloxías, os máis de 1.000 mozos que participan nesta 14 edición desta LAN-Party que se celebrará de forma ininterrompida durante 72 horas, poderán gozar de actividades de ocio como talleres de maquillaxe ou de pintura de miniaturas de Warhammer.

Así mesmo, nos exteriores do Pazo de Congresos, os asistentes poderán divertirse nunha zona habilitada para ‘paintball’, observar exhibicións de ‘graffiti’ ou practicar tirolina; así como participar en diferentes torneos como os de Warhamer ou Magic.

Segundo explicou Ovidio Rodeiro, moitas destas actividades están abertas ao público en xeral e non só aos 1.000 mozos que se participan na LAN-Party, encontro para o que a Dirección Xeral de Xuventude recibiu máis de 1.500 solicitudes de novos galegos e doutras zonas de España «como Asturias, Madrid ou Valencia».

Por iso, ata o próximo domingo, o departamento autonómico estimou que poderán achegase ata o Pazo de Congresos da capital galega máis de 5.000 persoas interesadas nas distintas actividades abertas que se organizan no marco de Xuventude Galicia Net.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar