A Deputación de Ourense, exemplo de xestión para o secretario de Estado Beteta

Deputacion Ourense

   O secretario de Estado de Administracións Públicas do Ministerio de Hacienda, Antonio Germán Beteta, manifestou en Ourense que a Deputación provincial «é un exemplo de xestión pois ten as contas saneadas e está a pagar con normalidade, o que a fai un exemplo a seguir», polo que o responsable gobernamental propuxo ao presidente José Manuel Baltar a implantación dun plan piloto de administración electrónica.

   Beteta impartiu en Ourense, na súa primeira visita a Galicia, unha conferencia sobre o futuro das provincias, no marco da elaboración dun borrador para o anteproxecto de lei que pretende reformar as administracións públicas, dende o ámbito autonómico ata o local, pasando polas provinciais ou Deputacións.

Na reforma prevista, segundo o secretario de Estado, as deputacións verán reforzado o seu papel de xestión de servizos públicos para os municipios de menor tamaño e «terán que asumir o que en boa medida xa se fai en Ourense» coa prestación de axuda ás pequenas casas do concello para racionalizar os custos».

Beteta estudou o Plan Estratéxico da Deputación de Ourense do que dixo que se «encardina ben na estrutura prevista pola nova norma», así que haberá un plan piloto de «racionalización aceptado xa polo ministerio de Hacienda co que traballaremos primeiro en Ourense para avanzar cara a unha xestión centralizada de tributos que xa se está a facer, coa mellora que supón a implantación da administración electrónica,» agregou.

Ademais, destacou a xestión «agrupada» de lixo e limpeza, desenvolvida pola Deputación de Ourense e sinalou que é fundamental porque «se todos pagamos, todos teremos que pagar menos».

EXPORTABLE

O plan piloto foi acordado entre Beteta e o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, antes da conferencia prevista, e detallarase nas próximas semanas para «que nuns meses poida ser exportable ao resto de España e cando quede aprobada a Lei en xaneiro de 2014, poida incorporarse ese servizo a outras deputacións facendo así un tránsito máis eficiente».

Durante a conferencia, ante máis dun centenar de alcaldes, concelleiros e funcionarios municipais e estatais, Beteta aludiu a que en Ourense se está a reforzar a capacidade de xestión sobre todo nos municipios con menos de 20.000 habitantes nos que moita xente traballa dende as casas do concello sen cobrar «o que precisa un servizo centralizado de reforzo para a xestión» e en cada provincia se dan xa exemplos de mellora en diferentes aspectos.

Nese sentido, aludiu á provincia de Alicante, na que a empresa de recadación «ten uns índices de cumprimento espectaculares de administración centralizada».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar