Fondos da Xunta para as casas de acollida

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda asinou hoxe un convenio de colaboración co alcalde de A Coruña, Carlos Negreira para o mantemento do dispositivo de acollida para a atención a mulleres vítimas de violencia de xénero dependente do concello coruñés. No acto tamén estivo presente a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

O pasado ano un total de 164 persoas sufriron esta situación en Galicia e residiron temporalmente nalgún dos centros da rede galega de acollemento. Delas, 98 eran mulleres e 66 menores, o que supón unha ocupación media dun 56 por cento.
A casa de acollida ofrece acollemento, atención e recuperación ás mulleres que sofren violencia de xénero e aos menores que teñan ao seu cargo, e que requiren un espazo de protección debido á situación de indefensión ou risco causada pola violencia de xénero e que garantirán un tratamento integral de atención e recuperación, que abranga aspectos psicolóxicos, educativos,sociolaborais e xurídicos e favoreza a normalización da situación persoal das mulleres, da súa unidade familiar e a superación dos efectos da violencia.

A rede galega de acollemento conta cunha dispoñibilidade de case 100 prazas, e esta dotada cos recursos materiais e humanos axeitados para dar resposta a situacións extremas de indefensión ou risco, como espazo de protección no que as mulleres e as súas fillas e fillos menores poden residir por un período medio de tres meses, prorrogable se as circunstancias así o aconsellan.
A Secretaría Xeral da Igualdade establece convenios cos concellos, por un importe que ascende anualmente a 230.000 euros, para garantir o mantemento das casas de acollida e a prestación do servizo integral para a recuperación das persoas residentes, que se viron na necesidade de saír dos seus fogares.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar