25 aniversario da Fundación «Galicia-Europa»

Rueda_fundación Galicia-Europa
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, clausurou hoxe o foro de debate “O futuro de Galicia en Europa”, que se celebrou co gallo da conmemoración do “Dia de Europa” -9 de maio- e polo 25 aniversario da Fundación Galicia Europa.

No seu discurso, o vicepresidente da Xunta de Galicia apostou por seguir “construíndo Europa, reformándoa para adaptala ás novas necesidades e riscos, reforzándoa para resistir os embates que a ameazan”. Lembrou, así mesmo, que Galicia non pode concibirse sen Europa, xa que somos un pobo europeo no xeográfico, no histórico, no cultural e no plano político, e fixo referencia, no ano do seu XXV aniversario, ao importante labor da Fundación Galicia Europa.

Segundo palabras do vicepresidente, o foro de debate constitúe un espazo de reflexión sobre o presente e futuro da construción europea e sobre o papel que Galicia pode desempeñar neste proxecto. O debate coincidiu coa véspera do Día de Europa, festividade que conmemora a Declaración Schuman, considerada o punto de partida do proceso de integración europea. Este ano 2013, ademais, celébrase o 25º aniversario da Fundación Galicia Europa (FGE).

Respecto á importancia de Galicia en Europa, o vicepresidente destacou que temos unha mostra hoxe mesmo, cando coñecemos que o Comité das Rexións vén de designar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como relator dun ditame de especial relevancia, que deberá recoller a opinión dos entes rexionais e locais acerca de como se deberían gastar mellor os fondos comunitarios no próximo período, a partir da experiencia que estes teñen na súa execución. Trátase ademais, dun ditame solicitado de xeito expreso ao Comité das Rexións pola futura Presidencia lituana do Consello da UE, nun momento clave das negociacións sobre o marco financeiro comunitario 2014-2020.

Foro de debate
Respecto ao acto celebrado hoxe, expertos académicos e representantes institucionais, así como antigos bolseiros da FGE, ben coñecedores das fortalezas e debilidades da nosa Comunidade e da Unión Europea, participaron nunha mesa redonda, moderada polo catedrático José Manuel Sobrino Heredia. Entre os antigos bolseiros da Fundación estaban o director xeral do Gabinete de Presidencia, Álvaro Pérez, quen disfrutou dunha estadía en Bruxelas en 1998; Maruxa Cardama, coordinadora dun Grupo de traballo dentro da Organización de Nacións Unidas sobre os futuros obxectivos de Desenvolvemento Sostible; Javier López, Director da Fundación Barrié e María Carracedo, quen dirixe a consultora Econet, vencellada a proxectos europeos. O debate foi inaugurado polo ex Presidente Xerardo Fernández Albor.

Unha proba recente da eficacia da Fundación Galicia Europa é o apoio dispensado para levar a bo porto a estratexia da Xunta de conquerir unha rede de seguridade financeira no novo Marco Financeiro Plurianual da Unión Europea, para as rexións que, como Galicia, abandonan o grupo de rexións menos desenvolvidas. Esta rede de seguridade posibilitará que, malia termos superado recentemente o 90 por cento do PIB medio comunitario, a nosa comunidade siga recibindo un 60 por cento dos fondos que viña percibindo en anos anteriores.

A dobre celebración ten lugar nun momento delicado dentro do proceso de construción europea, marcado polo actual contexto de crise económica e pola definición dun novo escenario financeiro a nivel comunitario para os anos 2014 a 2020 que afecta directamente a Galicia en cuestións tan importantes como a pesca ou a recepción de fondos estruturais. En 2013 celébrase, ademais, o Ano Europeo dos Cidadáns, co que se pretende aumentar o coñecemento sobre os dereitos que confire a cidadanía europea, como o dereito a circular libremente pola UE.

Fundación Galicia Europa
A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade sen ánimo de lucro creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, a Fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia.

Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria. Ao longo do seus máis de 20 anos de historia, o traballo da FGE tense materializado en catro grandes ámbitos de acción que responden aos seguintes obxectivos: defender os intereses de Galicia perante a UE; informar sobre a Unión Europea en Galicia; formar e sensibilizar sobre Europa en Galicia e promover a participación galega en proxectos europeos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar