A «segunda pantalla» da TVG será presentada no Congreso das Televisións Rexionais

Imaxe da recepción dos responsables das televisións territoriais no Concello de Santiago.
Imaxe da recepción dos responsables das televisións territoriais no Concello de Santiago.

O proxecto de segunda pantalla de televisión será unha das novidades que a Televisión de Galicia presentará no marco do 31º Congreso de Circom Regional, o organismo que abrangue a 250 televisións rexionais de 34 países europeos e que se celebrará a partir de hoxe na Facultade de Comunicación de Santiago de Compostela. Como preámbulo, na noite de hoxe haberá unha Gala no Hostal dos Reis Católicos, transmitida en streaming por internet e en diferido pola tvG2, na que se outorgarán os premios as mellores producións rexionais europeas.

Os órganos de goberno de Circom xa tiveron estes días reunións preparatorias para este este cumio audiovisual europeo ao que van asistir 300 delegados. No serán de onte o Concello de Santiago ofreceu unha recepción de benvida na que o alcalde Anxel Currás lles agradeceu a presenza e a difusión que poidan dar a capital de Galicia. Pola súa parte o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, destacou o denominador común da defensa dun sistema público de comunicación audiovisual entre os países europeos de moi distintas características culturais.

O congreso que organiza a CRTVG e do que as sesións serán inauguradas hoxe polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en compañía do alcalde de Santiago e do reitor da Universidade compostelá, Juan Casares Long, terá tamén presenza galega coa intervención da directora da Televisión de Galicia, Rosa Vilas, na sesión sobre o papel das televisións públicas nas rexións e no desenvolvemento das sociedades. Vilas compartirá mesa co secretario xeral da Asemblea Europea de Rexións, Pascal Goergen, e directivos da BBC, Euronews, a televisión ERT3 grega e a SVT sueca.

Ademais representantes de produtoras privadas que participarán na sesión de traballo sobre as estratexias das empresas independentes no medio audiovisual, como CTV Producciones, Vaca Films ou IBCinema. Tamén a multinacional galega de telecomunicacións Televés, unha das patrocinadoras do encontro, presentará unha ponencia no debate do mercado tecnolóxico de última xeración.

No apartado do desenvolvemento de móbiles e a súa aplicación profesional estará, xunto a especialistas holandeses, a empresa galega Bridge Mediatech, que está colaborando coa CRTVG no seu proxecto de segunda pantalla, mentres que noutras das sesións o director de Comunicación do ente, Fernando Ojea, dará a coñecer o novo proxecto de Laboratorio Audiovisual de Galicia ou Labovisión como instrumento de colaboración potencial coa Universidade. Entre os asistentes ás sesións encontraranse tamén numerosos profesionais do sector audiovisual galego e membros da Universidade.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar