Gardacostas requisa 460 aparellos de pesca e 170 quilos de marisco

Incautación aparellos_peixe_marisco Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, requisaron 463 aparellos de pesca, preto de 170 quilos de peixe e marisco e 3.250 metros de artes de enmalle en distintos operativos realizados polo litoral galego na última semana.

A actuación máis destacada realizárona en Muros, onde os axentes incautaron 295 nasas e comisaron 33 quilos de polbo. A costa de Muxía tamén foi obxecto de actuación dos Gardacostas. Nun operativo desenvolvido en Boubirón e A Pedriña requisaron máis de 19 quilos de ourizo e percebe.

Noutras actuacións na ría de Arousa, os inspectores da Xunta fixéronse con máis de 65 quilos de distintas especies, 4 aparellos e 1.500 metros de artes de enmalle. O operativo máis importante foi o realizado na zona de Punta Faxilda, que resultou co comiso de 33 quilos de centola e 3 de lumbrigante e coa incautación dos 1.500 metros de artes de enmalle e dun viveiro de Ferro.

A maiores, na ría de Pontevedra os axentes requisaron 164 aparellos, 1.750 metros de miños e 51 quilos de distintas especies. A actuación máis destacada levada a cabo nesta ría resultou coa incautación de 86 nasas, 750 metros de artes de enmalle e máis de 16 quilos de diversas especies.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar