A Deputación de Ourense convértese en socio protector do cluster da carne

Baltar_cluster da carne

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao presidente do Clúster da Carne de Galicia, Javier Vázquez, e ao director desta organización, Joaquín Muñoz, para coñecer os proxectos que a entidade vai poñer en marcha para potenciar o sector cárnico en Galicia.

A Deputación de Ourense é a primeira que visitan os directivos do clúster, que ven de constituírse recentemente e do que forman parte o 54 % das entidades que se dedican en Galicia a este sector, 346, cuxo volume de facturación é de 528 millóns de euros e da emprego directo a 2.816 persoas.

Na xuntanza de hoxe, Manuel Baltar afirmou que a Deputación de Ourense será “socia protectora” do Clúster da Carne de Galicia “porque o compromiso do goberno provincial é apoiar iniciativas que xeren valor e competitividade para a nosa economía e a das nosas empresas e cidadáns”. Baltar confirmou que a Deputación de Ourense co-organizará co Clúster da Carne unhas xornadas informativas para dar a coñecer os proxectos e iniciativas que este ente vai poñer en marcha “para potenciar ás empresas do sector en aspectos tan importantes como a internacionalización e a promoción, así como a creación de sinerxias co Centro Tecnolóxico da Carne, sito en Tecnópole”.

Os obxectivos do Clúster da Carne son a cooperación entre empresas, axentes sociais e económicos, pero tamén cos centros de investigación, promovendo o desenvolvemento económico, laboral e tecnolóxico do sector. O ente agrupa a empresas e autónomos de toda a cadea de valor -gandeiros, matadoiros, salas de despezamento, carnicerías e á gran distribución- ao redor de tres tipos de carnes, que constitúen o maior volume de negocio en Galicia: tenreira, porco e pito.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar