O vicepresidente, Alfonso Rueda, reafirma na Radio Galega o valor do acordo con Pemex

Alfonso Rueda, nos estudios da Radio Galega.
Alfonso Rueda, nos estudios da Radio Galega.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor nunha entrevista na Radio Galega, o labor de Feijóo á hora de saír a buscar traballo para os estaleiros no exterior, explicando  as capacidades das empresas que hai na comunidade e lembrou o dito popular de  que “traballo chama a traballo” e cando se vexa o que son capaces de facer os estaleiros galegos, posiblemente outras empresas poñan as miras en Galicia.

No relativo ás novidades sobre Pemex e o sector naval galego, apuntou que as negociacións foron un proceso complicado, posto en dúbida pola oposición desde o principio. Destacou que Pemex anunciase esta semana a súa decisión de investir nun estaleiro galego que, ademais, non tiña encargos, pero grazas a ese investimento vainos a ter de novo.
Agora, apuntou, hai que agardar a que se vaian concretando xa os pedidos e que esas gradas que agora están baleiras comecen a construír barcos e a xerar traballo para moitas persoas.

Con respecto a Ferrol, afirmou que se percorreu un camiño complexo pero que se mantén o compromiso de construír barcos nos estaleiros da cidade, polo que tamén verán que chega por fin carga de traballo para o naval.

REDUCCIÓN DE DEPUTADOS

Por outra parte, Alfonso Rueda destacou a necesidade de reducir o número de deputados a 61 en aras de aforrar diñeiro ás arcas públicas e lamentou que a oposición se negue a abordar o asunto.

O tamén dirixente popular apuntaba que, se se pode seguir funcionando custando menos diñeiro aos cidadáns, “por qué non facelo?” e, no relativo á cuestión dos deputados, non ve razoable que a oposición non estea disposta a falar de reducir un só parlamentario.

Neste senso, Rueda lembrou que antes de que se convocaran as eleccións autonómicas a oposición alegaba que os populares querían reducir deputados porque senón non gañarían, cando o certo é que, sen a redución, o PPdeG non só gañou senón que subiu escanos.

Polo tanto, ningunha desas historias sobre cálculos electorais, busca de subterfuxios ou dobres xogos é certa e destacou que o único que queren os populares é establecer unha medida razoable en tempos onde o que se pide é reducir todos os organismos públicos, como o Parlamento.

Así mesmo, Rueda engadiu que á hora de reformular a lei electoral os populares están dispostos a falar coa oposición de todo o que teña que ver con ela. De feito tamén plantexan establecer modificacións legais para que ninguén que presente delitos contra a facenda pública poida ser candidato ou regular os tempos dos debates por lei.

A RELACIÓN COA OPOSICIÓN

Preguntado sobre se o PPdeG tomará algún tipo de iniciativa polo episodio protagonizado por Beiras a pasada semana, Rueda apuntou que o líder de AGE ou pide desculpas ao pobo galego, ou debe irse.

Para Rueda, esa mensaxe que parece que queren introducir Beiras e AGE de que a lexitimidade dos votos non vale de nada e que o que hai que facer é ameazar e pegar puñadas nun escano non fai máis que retratalos.

Segundo o dirixente popular, a próxima vez que se vexan no Parlamento os populares farán o de sempre, que é pedir respecto e seguir lembrando que coa dialéctica das puñadas non se vai a ningunha parte.

No relativo á relación co PSOE, Rueda sinalou o seguidismo crecente que tanto este partido como o BNG fan de AGE e, cada vez máis, se pon en dúbida se realmente vai haber interlocución cos socialistas. Neste senso, lembrou tamén que as liortas internas do PSOE transcenden fóra e cando un partido non ten líder claro perde moito tempo mirando cara dentro, polo que é moi complicado que saia un interlocutor para poder falar en serio.

Así mesmo, Rueda apuntou que o PSOE está a marcar distancias con Pachi Vázquez e engadiu que é complicado recoñecer algún tipo de coherencia ou autoridade para falar co Goberno a quen non a ten no seu propio partido.

SOBRE PREFERENTES
Rueda subliñou que o Goberno galego segue facendo todo o posible para solucionar a situación de todos aqueles que foron estafados. Así, seguen as arbitraxes e, grazas a elas, moita xente segue recuperando os seus cartos. Segundo o dirixente popular, mentres segue aberta a vía da arbitraxe, o Goberno galego seguirá apostando por ela. Despois queda a vía xudicial, na que tamén se fará todo o posible para que esas demandas se poidan resolver rapidamente, con axilidade e xustiza.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar