A Policía autonómica detén a cinco personas como presuntas autoras de incendios forestais

Os incendios tiveron lugar nos concellos de Ferrol, Taboada, Baleira e Xermade
Xa son 29 as persoas detidas no que levamos de ano pola Policía Autonómica por delitos relacionados cos incendios forestais

Santiago, 1 de maio de 2013.- A Policía Autonómica vén de informar da detención de cinco persoas como presuntos autores de incendios forestais nos concellos de Ferrol (A Coruña) e Taboada, Baleira e Xermade (Lugo).

No primeiro dos casos, os axentes da Xefatura Provincial da Coruña detiveron a dous homes como presuntos autores dun incendio forestal imprudente, orixinado polo escape dunha queima para a que non adoptaron as medidas preventivas básicas necesarias.

O lume que se lles imputa tivo lugar na parroquia de Mandía, no concello de Ferrol, e afectou a 0,10 hectáreas de superficie, situada nas inmediacións de varias vivendas, que afortunadamente non sufriron danos. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de garda de Ferrol.

Tres incendios en Lugo
Doutra banda, funcionarios do Equipo de Investigación de Incendios Forestais da Policía Autonómica en Lugo detiveron a outras tres persoas relacionadas con incendios forestais nos concellos de Taboada, Baleira e Xermade. Estes lumes ocasionáronse por neglixencias en queimas ou traballando con maquinaria de desbroce, como foi o caso de Baleira.

O primeiro incendio foi o pasado 25 de abril no concello de Taboada e afectou a 0,41 hectáreas de monte raso. O segundo foi o día anterior, o 24 de abril, en Baleira e queimou 0,28 hectáreas e o derradeiro, o de Xermade, afectou a 120 metros cadrados de superficie rasa. As dilixencias foron remitidas aos xulgados de Instrución de Chantada, A Fonsagrada e Vilalba, respectivamente.

Para todos sos lumes foi necesaria a intervención do persoal do Servizo de Extinción de Incendios da Xunta de Galicia, cuxa rápida actuación evitou que as lapas se propagasen e ardese máis superficie da afectada. Con estes cinco últimos, xa son 29 as persoas detidas no que levamos de ano pola Policía Autonómica por delitos relacionados cos incendios forestais.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar