A nova infraestrutura da rede científica e tecnolóxica multiplica a súa capacidade

   A nova infraestrutura da rede científica e tecnolóxica de Galicia, ‘Recetga-Nova’, multiplica por 800 a súa capacidade e abre, con iso, novas posibilidades para as universidades, os investigadores e as empresas galegas, segundo destacaron este martes os seus responsables na Cursos onlinepresentación do proxecto, no centro de supercomputación da comunidade.

   O proxecto responde á extensión da RedIRIS-NOVA, que é a rede óptica de alta capacidade que conecta as redes rexionais de todas as comunidades autónomas e os principais centros de investigación de España co resto de redes académicas internacionais e en especial as redes académicas e de investigación portuguesa FCCN e a rede de investigación europea GÉANT.

A fibra óptica permite despregar doadamente circuítos de 10 ou 40 gigas e pronto de 100, por un custo moi inferior ao modelo de rede baseado en aluguer de capacidade.

En Galicia, a iniciativa de extensión propúxose en 2007 como consecuencia da crecente actividade conxunta entre centros de Galicia e Portugal e co obxectivo de completar o anel de conexión entre as redes académicas lusas e españolas.

Foi aprobada en 2009 cun presuposto de 3,4 millóns de euros –2,38 achegados por Red.es, que depende do Ministerio de Economía e Competitividade e 1,02 pola Xunta–. O despregamento de fibra completouse en 2011 e dende entón, a rede está en funcionamento, segundo destaca o ministerio nun comunicado.

No acto de presentación participaron o director do centro de supercomputación de Galicia (Cesga), Javier García Tobío e o director da RedIRIS, Tomás de Miguel Moro, ademais dun representante do ministerio e dúas persoas que interviñeron por videoconferencia, a través de a propia infraestrutura.

Foron o presidente da Fundación para a Computación Científica Nacional de Portugal, Joao Nuno e o investigador da Universidade de Vigo David Posada. Este último desenvolveu unha aplicación sobre filoxenética usada por 40.000 usuarios de todo o mundo grazas a esta rede.

“Ás veces todo funciona de xeito tan suave que flúe. Esta rede é tan obvia, tan necesaria como a circulación sanguínea. Pero por debaixo hai unha infraestrutura que, ao longo de todos estes anos, non recordo que fallara nin unha soa vez”, destacou o investigador.

“MÁIS RÁPIDA, FLEXIBLE, FIABLE E ECONÓMICA”

Pola súa parte, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que pechou a presentación, valorou que permitirá compartir coñecemento a nivel galego e internacional “dun xeito máis rápida, flexible, fiable e económica”.

Ademais, resaltou, esta rede de alta capacidade conectará os centros e parques tecnolóxicos galegos co resto do mundo, e porase a disposición, por exemplo, das empresas que nacen no seo das universidades.

“Supón un salto cualitativo sen precedentes. Significará un cambio nos modelos educativos”, resaltou Conde, quen felicitou aos autores por “cinco anos de traballo silencioso” e, como o resto de participantes na inauguración, chamou a atención sobre o aforro de custos que permitiu a colaboración entre administracións.

PARA OS PRÓXIMOS 20 ANOS

Economía e Competitividade, nun comunicado, explica que ‘Recetga-Nova’ se caracteriza porque suprime investimentos adicionais nas liñas troncais durante os próximos 20 anos e habilita un cable óptico escuro con capacidade para multiplicar por 800 a rede actual.

Ademais, achega fiabilidade porque todos os nodos teñen polo menos dúas vías de acceso e tamén flexibilidade ao permitir un acceso á rede nacional RedIRIS dende dous puntos. Por outro lado, a acción conxunta con esta rede reduce custos de mantemento e inversión e facilita conexión directa coa rede de investigación portuguesa.

Entre os seus usos, o departamento enumera a cobertura das necesidades “permanentemente crecentes” das comunidades investigadoras e a resposta “óptima” a requisitos como os servizos de computación e visualización remota, a interconexión de supercomputadores e o acceso a grandes repositores de datos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar