A Xunta ofrece colaboración ao novo presidente dos empresarios ourensáns

Presidente CEO_Feijóo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ofreceulle hoxe ao novo presidente da Confederación de Empresarios de Ourense, CEO, José Manuel Pérez Canal, o diálogo e colaboración do Executivo autonómico para traballar no impulso e na recuperación da economía de provincia. Así llo transmitiu durante o encontro mantido hoxe en San Caetano, o primeiro desde que Manuel Pérez Canal foi elixido á fronte da patronal ourensá, e no cal abordaron tamén a estratexia da Xunta para revitalizar o tecido empresarial galego.

Na xuntanza, o mandatario autonómico trasladoulle as súas felicitacións a José Manuel Pérez Canal e convidouno a iniciar unha liña de traballo que redunde no ben da cidade e da provincia. Unha tarefa na que, lle transmitiu, terá sempre o apoio decidido da Xunta.

O titular da Xunta lembrou ante Pérez Canal que, a pesares dos momentos de extraordinaria dificultade que estamos a vivir, o Executivo autonómico está centrando os seus esforzos en tres liñas que considera fundamentais para reactivar a economía: a internacionalización, a innovación e o emprendemento co obxectivo de poder saír canto antes da crise.

Neste sentido, lembrou o compromiso adquirido no discurso de investidura de aprobar nos 100 primeiros días de Goberno o proxecto de Lei do emprendemento en Galicia, unha normativa que ten por obxectivo último a xeración de emprego e riqueza. O presidente da Xunta aproveitou a ocasión para pedir a implicación do presidente da Confederación de Empresarios de Ourense nesta iniciativa, que recolle un reto numérico de incrementar ata o 60% a taxa de emprendemento nos próximos catro anos na comunidade galega, ata acadar a cifra de 130.000 emprendedores. Explicou, así, que a lei prevé a creación da Unidade Galicia Emprende, pensada para ofrecer estudos de viabilidade ás empresas nun prazo non superior aos 30 días e facilitar a creación das novas compañías en menos de 48 horas.

Na mesma liña, Feijóo incidiu en que este proxecto de Lei de emprendemento recolle unha mobilización de 15 millóns de euros, que servirán para financiar diferentes proxectos a través de dous instrumentos: un novo fondo de capital risco e unha liña de microcréditos para proxectos emprendedores.

Feijóo incidiu na necesidade de que Galicia sexa capaz de sentar unhas bases sólidas para que se poidan sacar adiante novos proxectos, para que ningunha idea viable deixe de converterse nun proxecto factible por falta de apoio, algo para o que demandou o apoio do presidente dos empresarios de Ourense.

Por último, o presidente da Xunta resaltou a oportunidade que representa o Plan Impulsa Ourense, que ten permitido apoiar case unha vintena de grandes investimentos empresariais e mobilizar máis de 50 millóns de euros e reiterou o compromiso e a aposta do Executivo galego para lograr un Ourense forte e comprometido, con proxectos tan importantes para a provincia como a ampliación do CHUO ou a Autovía de Celanova.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar