Trinta e dous anos da Feira do Libro de Santiago

Conselleiro de Cultura e alcalde de Santiago na apertura da Feria do Libro

O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, participaron na apertura da XXXII edición da Feira do Libro de Santiago de Compostela, que estará instaladada no paseo central da Alameda ata o 5 de maio.
Durante dez días, a Alameda acollerá numerosas iniciativas no marco do programa da Feira do Libro de Santiago. A través dun total de 36 actos, a Consellería de Cultura e Educación e a Federación de Libreiros de Galicia promoven a difusión da actividade do sector editorial, incentivan o consumo cultural e fomentan a lectura entre toda a cidadanía.

Especial atención a Vidal Bolaño e Rosalía de Castro
Dentro da programación da Feira destacan as actividades dedicadas a Roberto Vidal Bolaño, co gallo do Día das Letras Galegas 2013, e a Rosalía de Castro, nun ano no que se conmemora o 150º aniversario da súa obra máis recoñecida, Cantares Gallegos. Respecto ao dramaturgo santiagués, o domingo 28 presentaranse as obras completas publicadas por Edicións Positivas. Do mesmo xeito, o martes 30 terá lugar a presentación do libro e audiovisual Un chapeu negro e un nariz de paiaso. Tras os pasos de Roberto Vidal Bolaño, con textos de Montse Penas Presas e imaxes e son de Gonzalo Enríquez Veloso, publicado por Editorial Galaxia. Asemade, o domingo 5, Urdime Teatro presentará Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño, coa actuación de Laura Ponte e Roi Vidal Ponte.

Nos actos relativos á escritora de Padrón, o sábado 4, a Agrupación Cultural Medulio de Ferrol presentará o espectáculo O mundo segundo Rosalía, representación de poemas e textos da autora galega. O derradeiro día da Feira, producirase tamén un encontro literario sobre Rosalía de Castro, realizado pola Asociación Cultural O Galo, coa celebración do coloquio Rosalía de Castro: nos 150 anos de Cantares Gallegos, coa participación de Katlheen March, Helena Villar Janeiro e Pilar García Negro, que presentará neste acto o libro Cantares Gallegos hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro, publicado por Alvarellos Editora.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar