Apoio ao labor asistencial para os galegos no Brasil

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asinan este domingo dous convenios de colaboración en Río de Janeiro con cadansúa entidade prestadora de servizos sociais á comunidade galega residente na cidade brasileira.

Estes dous acordos veñen a sumarse ao que onte asinaba Miranda na localidade de Santos coa ‘Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro’, onde visitou as instalacións, reuniuse coa xunta directiva, e posteriormente formalizou o acordo polo que a Xunta contribúe á atención das necesidades socio asistenciais básicas dos cidadáns galegos alí residentes. Tamén en Santos, o ao tecido asociativo da Galeguidade residentes no Brasil, o ‘Centro Espanhol e Repatriaçao’.

Sâo Paulo
Ademais destas dúas localidades de Santos e Río de Xaneiro, o secretario xeral da Emigración visitou tamén Sâo Paulo, concretamente a ‘Sociedade Beneficente Rosalía de Castro’ (homónima da de Santos) e a ‘Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instruçao’, onde tivo oportunidade de achegarse ás inquedanzas da colonia galega residente na megalópole brasileira, nomeadamente á de idade máis avanzada.

Na súa estadía en Sâo Paulo, Miranda tamén aproveitou para entrevistarse con empresarios galegos afincados na cidade, e contactar coa entidade que os agrupa, nun novo pulo por fornecer a aposta que a Administración autonómica fai para aproveitar os galegos do Exterior como posibles pontes de conexión para captar investimentos, e abrir novas vías de negocio en terceiros países, para as empresas radicadas na Galicia territorial.

Unha diáspora activa
Estas tres localidades (Sâo Paulo, Santos e Río de Xaneiro) son o foco fundamental da residencia dos 40.000 galegas e galegos que se calcula residen na República Federativa do Brasil, o que representa máis do nove por cento do total de cidadáns da Comunidade Autónoma residentes no Exterior. Esta cifra, asemade, converte a Brasil na terceira nación latinoamericana cun continxente máis importante de galegos, só tras Arxentina e Venezuela.

Cómpre salientar que a colonia galega residente na República Federativa tense involucrado de xeito moi activo e participativo na vida social, económica, política, deportiva e cultural brasileira, acadando un grao de integración óptimo, e con experiencias empresariais salientables na nación carioca.

En Río
Nesta xornada de hoxe [domingo], o aspecto socio asistencial volve ser protagonista da axenda de Miranda, que acompaña á conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, en Río de Xaneiro. Mato e Miranda asinarán cadanseu convenio de colaboración coa ‘Sociedade de Recreio dos Anciâos para Asilo da Velhice Desamparada’ e a ‘Peña Galega’ da Casa de España, para contribuír á atención das necesidades socio asistenciais básicas dos cidadáns galegos, e nalgúns casos os seus descendentes acreditados, residentes no Brasil.

Durante esta estadía, a conselleira destacou que a emigración “é parte importante de nós mesmos, sen a que Galicia non estaría completa, nin podería comprenderse; boa mostra do compromiso da Xunta coa emigración é a nova Lei da Galeguidade, cuxo anteproxecto consensuamos coas entidades máis representativas no exterior”, incidiu a titular de Benestar.

En definitiva, subliñou Mato, trátase dunha Lei, pois, “encamiñada a consolidar as nosas relacións e a nosa identidade, enriquecéndonos mutuamente a todos os niveis, dentro e fóra do noso territorio”.

Máis de 70.000 euros
En total, contando estes dous convenios mailo de Santos, a Secretaría Xeral da Emigración e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar sufragan con setenta e dous mil euros o apoio ao labor socio asistencial dos galegos residentes na República Federativa.

O periplo en Río remata esta mesma noite [madrugada do luns en Galicia] coa visita de Mato e Miranda á ‘Sociedade Espanhola de Beneficencia Hospital Español’, aínda que mañá representantes do Goberno galego visitarán o ‘Club Español’ de Niteroi, localidade sita na beira contraria a Río na propia Baía de Guanabara.

Xa martes e mércores, e en solitario, o secretario xeral da Emigración rematará a súa andaina en México, onde, entre outros labores, participará na celebración do Primeiro de Maio que organiza o Centro Galego da capital azteca, unha das manifestacións populares máis senlleiras da diáspora galega.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar