O Parlamento conmemora o 150 aniversario de “Cantares gallegos” de Rosalía

Cantares gallegos_presentación

O Parlamento de Galicia acolleu esta tarde o acto de presentación dunha edición facsimilar de Cantares Gallegos, coeditada pola Cámara autonómica, a Xunta e o Consello da Cultura Galega no marco da conmemoración do 150 aniversario da publicación da primeira edición desta obra de Rosalía de Castro.

A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, amosou a súa satisfacción por poder acoller na Cámara lexislativa a presentación desta edición facsimilar, feito que, ao seu xuízo, reflicte que “nada do que acontece en Galicia debe resultar alleo a esta institución”.

UN ANTES E UN DESPOIS

Cantares gallegos_portada_vcalRojo Noguera considera que “existe un antes e un despois na literatura galega a partir de Cantares Gallegos”, dado que esta obra “é incomparablemente superior a todo canto a precede”.
“Rosalía inspirouse directamente na poesía popular de Galicia e atopou a maneira de seu para expresar o que se propuña”, agregou a xefa do lexislativo galego.

A intervención da presidenta do Parlamento foi precedida por un relatorio da escritora e investigadora Marina Mayoral, experta na obra de Rosalía de Castro; e do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, clausurou o acto, no que o dúo “2 na fronteira” interpretou dous poemas de Rosalía de Castro.

EXPOSICIÓN

Os asistentes á presentación, celebrada no Salón dos Reis do Pazo do Hórreo, puideron contemplar tamén unha exposición integrada polas 14 primeiras edicións de Cantares Gallegos, procedentes da colección persoal de Guillermo Escrigas e das bibliotecas do Parlamento de Galicia e do Consello da Cultura Galega.

A edición facsimilar presentada hoxe poderá consultarse na páxina web do Parlamento de Galicia, buscando deste xeito “o efecto multiplicador que a rede nos ofrece”, en palabras de Pilar Rojo.

Enlace,  AQUÍ

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar