“Querido Balbino…” chega a Vedra

 

Querido Balbino_Vedra_alcalde_Neira Vilas_Dodro Valentín_Valentín García_2

 

Maís información sobre a exposición itinerante

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, clausurou hoxe no CEIP Eusebio Lorenzo Baleirón a mostra “Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego”. A exposición chega á localidade dodrense no marco da itinerancia que está a ter nos concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

O obxectivo desta acción é ofrecerlle á cidadanía galega un achegamento de primeira man á traxectoria do libro máis lido da literatura galega, Memorias dun neno labrego e, asemade, un percorrido pola vida do autor da obra, o escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas.

Na clausura oficial da mostra participaron o secretario xeral, Valentín García, e mais o rexedor da localidade, Valentín Alfonsín, acompañados por Neira Vilas. Tamén estiveron presentes o comisario da exposición, Xosé Luís Reimóndez, e mais o director do centro, Rafael Ruanova.

Querido Balbino_Vedra_alcalde_Neira Vilas_Dodro Valentín_Valentín García
O salón de actos do CEIP Eusebio Lorenzo Baleirón acolleu, logo dun percorrido pola mostra, un coloquio de máis de 160 estudantes acompañados polo seu profesorado co escritor, onde a rapazada falou con el arredor da súa obra e dos protagonistas das pezas que a conforman, nomeadamente Memorias dun neno labrego e o coñecido Balbino. O encontro foi coordinado por un dos docentes de lingua e literatura galegas do CEIP, Carlos Negro.

Xosé Neira Vilas leva percorrendo os centros de ensino de Galicia dende o ano 1992 para achegarlles as Memorias dun neno labrego ás nenas e aos nenos galegos. Durante os encontros, escritor e alumnado intercambian impresións sobre Balbino, o personaxe principal do libro. Amais, o alumnado adoita entregarlle ao autor debuxos ou cartas inspirados na lectura das experiencias vitais do pequeno protagonista.

 

MOSTRA-HOMENAXE A BALBINO

‘Querido Balbino’ articúlase en torno a dous eixos que guían o espectador a través dun túnel de vitrinas. Dun lado, aparece representada a traxectoria vital do escritor a partir de fotografías, documentos e correspondencia que serven para marcar diferentes momentos relevantes da súa biografía. Doutro, diversos documentos e materiais amosan o periplo seguido polo propio libro e polo protagonista. Así, a mostra lembra as edicións, as adaptacións teatrais e audiovisuais que tomaron como referencia Memorias dun neno labrego -da que se levan sacado do prelo máis de 600.000 exemplares a día de hoxe- e conta cunha parte audiovisual na que se proxecta un documental sobre Balbino.

A mostra-homenaxe presenta tamén trece obras pictóricas de autores galegos, inspiradas no protagonista de Memorias dun neno labrego, concretamente de Paco Lareo, Chema Pazos, Rofer, Siro López, Damian Paio, Esperanza Lema, Antón Pulido, Xoán Domato, Xaquín Marín ou Sabela Arias entre outros. A visita inclúe un catálogo explicativo ilustrado por comentarios aparecidos ao longo destes 50 anos de vida da obra e exhibe un documento único: a Carta a Balbino que Xosé Neira Vilas lle dedicou ao seu “fillo” literario.

ACHEGAR AL LETRAS

A exposición leva en itinerancia dende abril do 2011, no que fixo medio século da publicación en Bos Aires de Memorias dun neno labrego, a obra máis lida da literatura galega e tamén a máis traducida a outras linguas (na actualidade xa está dispoñible en 17 idiomas e en preparación a edición en xaponés).

Dende o pasado día 16 de abril púidose visitar en Dodro, tralo seu paso polas bibliotecas nodais e museos de Galicia e mais por localidades como Celanova, Verín, Lalín, A Estrada, Ponteceso, Betanzos, Ribeira, A Laracha, Sada, Arteixo, Val do Dubra, A Baña, Negreira, Melide e Palas de Rei. As vindeiras paradas serán Rois (a partir deste mesmo mércores), Padrón e Outes, todos eles concellos pertencentes á RDL da Xunta de Galicia.

Por medio desta acción, a Secretaría Xeral de Política Lingüística quere seguir dinamizando a lingua a través das nosas letras e tamén impulsar o gusto pola lectura entre a cidadanía, nomeadamente entre as persoas máis novas, redescubrindo a que xa é unha das pezas máis emblemáticas da literatura galega.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar