Os lectores infantís, protagonistas do Premio “Pura e Dora Vázquez” da Deputación de Ourense

Entrega Premio Pura e Dora Vázquez_Deputación Ourense
Os lectores infantís foron hoxe protagonistas do 10º premio de narración e ilustración infantil e xuvenil “Pura e Dora Vázquez”, que organiza a Deputación de Ourense co obxectivo de fomentar a lectura entre o público máis novo e, á vez, recoñecer o traballo de autores literarios e artísticos, unindo na obra premiada estas dúas disciplinas creativas.

O acto de entrega do galardón, que tivo lugar no Salón de Plenos da institución provincial, contou coa presenza do presidente, Manuel Baltar; a premiada na modalidade de narración, Ángela Fernández Rey; o xurado, presidido polo deputado de Cultural da Deputación de Ourense, Avelino García Ferradal, e o fillo de Dora Vázquez, Antonio Alejo Rodríguez Vázquez, ademais de representantes institucionais, sociais e culturais e familiares e amigos dos premiados.

O presidente da Deputación de Ourense destacou no seu discurso de clausura que Ángela Fernández Rey e Javier Pastor Díaz “reciben un premio que é algo máis ca un merecido recoñecemento polo seu traballo. Porque fomentar a lectura entre os cativos e a mocidade é a gran achega que podemos facer contribuír a que maduren tanto persoal e intelectualmente”. Manuel Baltar engadiu que os premiados son quen de poñer en valor o fomento da literatura dirixida aos máis novos e o xénero literario da fábula, “acadando neste libro un perfecto equilibro entre narración e ilustración, pois este é un galardón que premia estas dúas facetas creativas: a literaria e a artística”.

Manuel Baltar tivo tamén palabras de recoñecemento para as escritoras Pura e Dora Vázquez, afirmando que Ourense e a “Ourensanía” nacen da unión de lingua e da identidade, “unión á que hai que sumarlle o elemento humano, sen o cal, nin a terra, nin a literatura nin a Ourensanía terían sido o que son. E hoxe, as dúas persoas que abrazan coa súa obra e coa súa traxectoria esa perfecta simbiose entre literatura e ourensanía non son outras que as irmás Pura e Doraz Vázquez, ás cales lembramos con este galardón”.

Pola súa banda, Ángela Fernández Rey, que dedicou o premio á súa familia e amigos, agradeceu o seu primeiro galardón literario no nome dos dous premiados e animou tanto a pequenos como adultos “a que aproveiten calquera momento do seu tempo libre para ler, porque un libro é un bo mestre, un bo acompañante e un bo amigo”.

O premio ten unha dotación de 1.500 euros para cada modalidade. No que atinxe á obra narrativa o xurado destacou “o feito de que fomenta e transmite o sentido do compañeirismo, a amizade e a solidariedade entre os nenos”, e subliñando tamén “o áxil ritmo narrativo e cunha linguaxe perfectamente acaída para o público infantil”. O xurado destacou asemade a orixinalidade do enfoque narrador da obra, que radica en que transmite a través dos animais os valores máis destacados do ser humano.

No que atinxe á obra premiada no apartado de ilustración o xurado destaca “a súa forza visual” e o “uso moi expresivo do collage dixital”, e valora sinaladamente que se trata dunha “composición con gran dinamismo”, axeitada para o segmento de idade ao que vai dirixida a narración, e tamén subliña a “modernidade e o cromatismo da ilustración”, a cal, “reforza e potencia o texto, conformando un conxunto agarimoso, moi axeitado para o público infantil”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar