Comeza no Gaiás a exposición “Patrimonio Acústico Europeo”

European Acoustc Heritage

Máis información en www.europeanacousticheritage.eu

 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza a exposición European Acoustic Heritage, que foi inaugurada esta tarde no Centro de Emprendemento Creativo de Galicia da Cidade da Cultura, en Santiago, onde permanecerá aberta ata o vindeiro 3 de maio co obxectivo de trasladarlles aos visitantes o valor da paisaxe sonora como patrimonio inmaterial.

Esta mostra enmárcase no programa de actividades que se está a desenvolver en distintos puntos de Galicia como peche do proxecto homónimo (en galego, Patrimonio Acústico Europeo), liderado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) no marco do programa Cultura da Unión Europea.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño, participaron no acto inaugural, que contou tamén coas intervencións de Horacio González, integrante do colectivo galego Escoitar.org e responsable técnico desta iniciativa europea, e Jürgen Schöpf, director do Phonogrammarchiv da Academia das Ciencias de Austria, primeiro arquivo sonoro do mundo.

Asistiron, así mesmo, os representantes da Universidade de Ciencias Aplicadas de Tampere (Finlandia) e do centro Cresson para a investigación sobre o espazo sonoro e o medio urbano da Escola Nacional Superior de Arquitectura de Grenoble (Francia) que, xunto coa Fundación Illa de San Simón, son tamén socios do proxecto.

DIVERSIDADE CULTURAL

Na súa intervención, o director da Agadic incidiu no carácter divulgativo desta exposición de pequeno formato, que permite subliñar o “valor do son como patrimonio vivo e mostrar a súa importancia dentro da diversidade cultural europea”. Dirixida a un público familiar e cunha importante compoñente interactiva, a mostra chega a Galicia despois de se exhibir en Tampere, Grenoble, Bruxelas e a cidade grega de Volos.

Sutil destacou tamén a relevancia do proxecto europeo no que se inscribe, a través do que se contribúe a fotografar a paisaxe sonora europea: “Algo tan intanxible pero, sen dúbida, unha paisaxe que marca a nosa vivencia diaria, un patrimonio vivo, entre o natural e o creado, e aínda tan pendente de ser estudado e valorado”, asegurou.

Neste sentido, valorou o feito de que distintas entidades de territorios afastados no mapa europeo sexan capaces, porén, de “aproximarse para o estudo e o traballo en común, e para contarlle á sociedade de todo o continente o valor do noso contexto acústico como patrimonio, como vivencia cultural”.

CONCERTO DE PAISAXES SONORAS

A inauguración concluíu cunha visita ás distintas instalacións de European Acoustic Heritage e co concerto do compositor e etnomusicólogo galego Carlos Suárez a partir das paisaxes sonoras recompiladas nos últimos dous anos durante o traballo de campo.

Articulada a través de diferentes materiais e dispositivos interactivos, a exposición contará con visitas guiadas todos os días de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00. O obxectivo é achegarlles aos visitantes unha cartografía xeral arredor dos múltiples mapas sonoros elaborados polos diferentes grupos de traballo asociados ao proxecto; así como de afondar noutra, máis específica, que se centra nos estudos dos sons da auga e na que Galicia participou activamente.

Destacan entre o material exhibido, as instalacións audiovisuais que recollen entrevistas sobre memoria acústica realizadas en Galicia e Francia, así como un punto de escoita espacializado (4.1) para mesturar as composicións de paisaxe sonora seleccionadas a través dun certame internacional para artistas sonoros e compositores.

A programación galega de European Acoustic Heritage desenvolve ata primeiros de maio outra serie de actividades divulgativas e concertos, así como paseos sonoros pola ría de Vigo e pola costa de Ferrol. Neste contexto, o Centro de Emprendemento Creativo de Galicia acollerá tamén unha conferencia sobre xestión de proxectos culturais europeos (luns 22 de abril, ás 17.30 h) e o taller Son e espazo. Obradoiro de escoita activa e fonografía, impartido polo artista sonoro Pablo Sanz (luns 22 e martes 23).

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar