López Abella abre en Vigo un curso de voluntariado en favor das víctimas de violencia

López Abella_voluntariado Vigo

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou o curso de voluntariado para o acompañamento ás mulleres vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos e fillas, que se está a impartir entre hoxe e mañá na Delegación da Xunta en Vigo.

O curso conta con 30 prazas e ten como obxectivo poñer a disposición do Centro de Emerxencia para Vítimas de Violencia de Xénero de Vigo (CEMVI) unha bolsa de voluntarios e voluntarias que poidan colaborar cos e cas profesionais da institución para darlle unha atención máis integral e máis individualizada ás usuarias do Centro.

Concretamente, formar ao voluntariado para acompañar e apoiar ás vítimas e ás súas fillas e fillos que residen con elas no centro; acompañalas ás dependencias administrativas, policiais ou xudiciais; apoiar aos nenos e nenas e contribuír en definitiva, a unha mellor atención integral e de recuperación das mulleres e menores que sofren violencia de xénero.

Nese sentido, cabe destacar a importancia do perfil diverso das voluntarias e voluntarios que van participar nesta fase de formación, posto que a súa labor voluntaria poderá posibilitar a realización de actividades complementarias as que se desenvolven no centro: actividades de carácter lúdico, artístico, actividade física, reforzo educativo, entre outras.

Precisamente por iso, as encargadas de formar aos voluntarios e voluntarias serán as propias traballadoras do Centro de Emerxencia de Vigo, que contarán ademais coa colaboración da Rede de Mediadoras contra os malos tratos de Vigo, entidade que acumula ampla experiencia no acompañamento voluntario de mulleres vítimas de violencia de xénero.

Os contidos da acción formativa están divididos en seis módulos. O primeiro centrarase en entender psicoloxicamente ás vítimas da violencia de xénero; o segundo, terceiro e cuarto a coñecer os métodos de funcionamento e os recursos da Rede galega de acollemento, da Rede de Mediadoras contra os malos tratos de Vigo e do Centro de Emerxencia de Vigo; o quinto abordará nocións xurídicas básicas -Orde de protección, policía custodio, dereitos das vítimas, confidencialidade, medidas de seguridade- e o sexto e último módulo, dará a coñecer cómo colaborar e as súas funcións e cometidos como voluntarios do CEMVI.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar