O restaurante madrileño “Zalacaín” recibe o premio gastronómico “Lola Torres”

Premio Lola Torres_Fundación Amigos de Galicia

 

 

O Centro Superior de Hostelería de Galicia acolleu un ano máis o acto de entrega do Premio de Gastronomía Tradicional Lola Torres. O acto estivo presidido pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e contou co presenza do alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez García; do presidente da Fundación Amigos de Galicia, Luís Rial Suárez; do representante da familia de Lola Torres, Rafael Mourelos; e mais do director do restaurante Zalacaín, Carmelo Pérez Vandulciel, que estivo acompañado polo sumiller do restaurante e presidente da Asociación de Sumilleres de Madrid, Custodio López Zamarra.

Na súa intervención, a directora de Turismo destacou que a entrega deste galardón é “un modo único de dar recoñecemento oficial á gran tarefa dos cociñeiros e restauradores na sociedade”. Para optar a este recoñecemento é preciso que os candidatos conten con máis dun cuarto de século de traxectoria e que teñan desenvolvido un cometido de potenciación da gastronomía tradicional e autóctona da zona na que se asentan.

Nava Castro recalcou tamén que se trata dun xesto que recoñece a ardua labor de Dolores Torres Rodríguez, unha das máis importantes defensoras da cociña tradicional galega, lembrada na memoria gustativa dos seus clientes polos seus exquisitos pratos. O Premio Lola Torres recoñece a profesionalidade, a dedicación absoluta e a constancia dos que cociñan para os seus clientes. “Cando visitamos un restaurante, rodéannos as sensacións, acóllenos un ambiente, un olor, unha calidez determinada. A experiencia culinaria está impregnada da personalidade dos profesionais que a fan posible”, destacou Castro.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, a gastronomía é a segunda motivación pola que os visitantes nos elixen como destino. “É por isto que queremos apostar pola formación no sector turístico, polo bo facer na restauración e pola recuperación das receitas tradicionais que nos atan á autenticidade do destino turístico”, recalcou. Zalacaín foi o primeiro restaurante español en conquerir tres Estrellas Michelin e un dos primeiros restaurantes que sorprendeu coa mestura de tradición e vangarda, un emblema da alta cociña española.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar