O “cheque infantil” subvencionará 1.000 prazas de nenos de ata 3 anos nas escolas

Gardería infantil

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterou hoxe o compromiso do Executivo autonómico para seguir desenvolvendo e poñendo á disposición das familias galegas prazas en escolas infantís para nenos de 0 a 3 anos. Así cifrou en 19.000 as prazas en escolas infantís financiadas actualmente pola Xunta e avanzou a renovación do compromiso da Xunta coas familias, coa aprobación do cheque infantil para o vindeiro curso 2013-2014, que permitirá financiar un total de 1.000 prazas para nenos de 0 a 3 anos en escolas infantís privadas cando non haxa praza na escola pública no seu ámbito municipal.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o mandatario autonómico explicou o incremento de escolas infantís xestionadas directamente pola Administración autonómica. Así, sinalou, “nos últimos catro anos creamos 3.000 novas prazas públicas de escolas infantís titularidade da Xunta”.

Xunto con isto, referiuse á orde autorizada hoxe polo Executivo galego para a posta en marcha, no curso 2013-2014, do cheque infantil, que estará dotado cun orzamento de 1,4 millóns de euros e que permitirá financiar 1.000 prazas de 0 a 3 anos en escolas infantís privadas. Un cheque que oscilará entre os 45 e os 250 euros mensuais, en función das rendas das familias.

Segundo relatou Feijóo, estas prazas irán destinadas a aquelas persoas que non obteñan praza pública ou ben para aquelas familias que residen nunha localidade en que non existen instalacións sostidas con fondos públicos.

Avanzou, ademais, que serán os propios pais e non a Administración os que elixirán o centro ao que acudirán os seus fillos. “Polo tanto –incidiu-, o cheque infantil dáselles ás familias e estas deciden a qué escola infantil mandan aos seus fillos”, co obxectivo, subliñou, de “outorgarlle a maior flexibilidade e capacidade de elección ás familias”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar