A Xunta implanta o teletraballo

Teletraballo

   O xefe do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que a Xunta iniciará este venres a negociación coas centrais sindicais para establecer a nova regulación horaria da Administración galega que incorpora novidades como o teletraballo, a posibilidade de “compensar” horas de labor efectivo e a “dispoñibilidade horaria” para os cargos de libre designación.


Tras a reunión semanal do seu Goberno, o presidente ratificou a aposta do seu Goberno por favorecer a “conciliación” e, ao tempo, esixir aos cargos con maior responsabilidade na Administración e carácter de libre designación “dispoñibilidade horaria en xornada de mañá e de tarde”, de forma que cando un funcionario acceda a un posto deste tipo sexa consciente de que a devandita “dispoñibilidade” está regulada.

Baseándose nestes principios, o proxecto de orde que regulará os novos horarios fixa “por regra xeral” que a duración máxima da xornada de traballo será de 37 horas e media semanais, agás nos supostos das xornadas de especial dedicación, que serán de 40 horas semanais.

En canto aos horarios, regúlanse tres tipos: xeral, flexible e especiais. O xeneral mantense de 7.45 a 15.15 horas, de luns a venres, coa excepción do persoal clasificado como de libre designación, que estará sometido á dispoñibilidade horaria que determine a autoridade competente para a adxudicación do posto

Á súa vez, o flexible consiste nun horario de traballo non ríxido que “se adapte” ás necesidades do empregado público, dentro duns límites “previamente acordados coa administración” e “salvagardando” as necesidades do servizo. Poderase motivar por razóns de conciliación ou por interese particular.

Nesta última opción, nova na Administración galega, o horario constará cunha parte fixa, de 9.00 a 14.00 horas, e outra flexible, na que o empregado público poderá completar a súa xornada de traballo nun horario comprendido entre as 7.00 e as 9.00 horas ou na franxa que abrangue entre as 14.00 e as 18.30 horas.

HORARIOS ESPECIAIS

Os horarios especiais estarán acordados polo centro directivo competente, atendendo á natureza do servizo prestado e diferénciase varios supostos. O primeiro refírese aos postos de traballo adscritos a unidades de información e atención cidadá, co fin de posibilitar o cumprimento do seu horario de funcionamento.

O segundo caso son os postos de traballo de apoio, de carácter técnico e administrativo, cando resulte máis axeitado para que o desenvolvemento das funcións que, como novidade, terán un horario de mañá e tarde, de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.30 horas. O terceiro suposto refírese a unidades que o requiran polas peculiaridades das funcións que teñen asignadas.

Como novidade, a orde tamén introduce a figura da compensación horaria para permitir ao empregado público a posibilidade de recuperar, dentro da súa xornada laboral diaria, o tempo de traballo efectivo non realizado.

Con esta medida, os empregados públicos poderán compensar eventuais atrasos na chegada ao seu posto de traballo. A compensación horaria será incompatible co desfrute do horario flexible en calquera das súas modalidades.

TELETRABALLO

Outra das novidades que introducirá esta nova orde é a posibilidade do teletraballo, que se incorpora por primeira vez e a través da que os empregados públicos desenvolverán as súas tarefas fóra das dependencias da administración autonómica mediante o emprego das novas tecnoloxías.

As funcións do teletraballador serán as mesmas que desempeña no seu posto de traballo habitual, salvo as ligadas á presenza física nas dependencias administrativas e a Administración poderá requirir a súa presenza nas dependencias administrativas se así é preciso polas necesidades do servizo.

Será incompatible co desfrute dun horario flexible e coa compensación horaria regulados no decreto.

A orde será de aplicación para o persoal funcionario e estatutario da Administración autonómica, así como para aqueles traballadores que presten servizos nos organismos autónomos, entidades públicas empresariais e consorcios do sector público autonómico.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar