Alerta de temporal no litoral de Pontevedra e A Coruña

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza alerta dun temporal de nivel laranxa que afecta ao litoral das provincias de A Coruña e Pontevedra.

Segundo as previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a través da súa Delegación Territorial de Galicia, dende hoxe a partir das 20,00 horas haberá mar de fondo do oeste de 4 metros, na provincia de Pontevedra, e no oeste e suroeste da provincia de Coruña; e a partir das 00,00 horas dará comezo no noroeste da provincia de A Coruña.

Así, co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación de meteoroloxía adversa a todos os concellos; ás Deputacións, aos servizos provinciais e asociacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos das dúas provincias costeiras.

Tamén, este departamento quere recordarlle á poboación a importancia de seguir as medidas de autoproteción como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Por último, aconséllase consultar a páxina web www.112galicia.org,  que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar