Sanción a Autoestradas de Galicia por retirar persoal dos peaxes

PEAJE DE LA AP-9

   O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, confirmou este luns que a Xunta sancionará á empresa Autoestradas de Galicia, concesionaria das autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Vigo-Baiona (AG-57), por entender que incumpre o contrato, ao retirar persoal das cabinas de cobramento de peaxes.

   En declaracións aos medios tras visitar as instalacións da nova depuradora de Avión (Ourense), Hernández explicou que sancionarán a empresa. “O que estamos a facer é esixir a Autoestradas de Galicia o cumprimento do contrato. Non é de recibo que unilateralmente a concesionaria retire o cobramento manual, mediante unha persoa, nas zonas de peaxe”, reprochou o conselleiro.

Polo tanto, agregou, a consellería “aplicou o contrato” e imporá unha sanción, aínda por determinar, a empresa, “despois do correspondente expediente sancionador”.

“As autoestradas son un servizo público e vemos con preocupación que a empresa unilateralmente faga unha redución de peaxistas e cremos que é a nosa obriga como reguladores esixir o cumprimento do contrato e esixir que os cidadáns teñan un servizo axeitado”, concluíu o conselleiro.

Os usuarios queixáronse de que nalgunhas das zonas de cobramento destas autoestradas non había posibilidade de facer pagamento manual –mantíñanse abertas cabinas para pagamento automático– nalgúns momentos do día, sobre todo polas noites.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar